Descubre da man dos nosos guías a gran cita cultural deste outono no que conmemoramos o centenario da revista Nós. Convidámoste a un percorrido, artellado en cinco seccións, desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días no que coñeceremos polo miúdo unha publicación que é referente imprescindible da Galicia contemporánea.
A exposición Galicia, de Nós a nós reúne máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós, cedidas por máis de 60 institucións e prestadores privados. Obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega.
A mostra permite contemplar obras que foron obxecto de estudo da revista, como o Santiago de Morlaix, os esmaltes de Limoges da catedral de Ourense, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, o puñal de Beluso, ou a estela de Florderrei Vello. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, suscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación. A colección íntegra da revista e diferentes experiencias interactivas -para mergullarte no deseño, os colaboradores, temáticas e conexións internacionais da publicación- completan este percorrido.
Medidas de seguridade sanitaria poscovid-19
- Obriga de vir con máscara de protección por parte das persoas asistentes.
- Haberá xel hidroalcólico na entrada da exposición.
- Manterase en todo momento a distancia de seguridade.
- Deberán seguirse en todo momento as indicacións do persoal guía da visita.
