Sala de prensa

 
Santiago, 28 de Outubro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na Cidade da Cultura na inauguración da exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria, considerado o último gran proxecto expositivo da institución deste 2025. O titular do Goberno galego subliñou que a mostra é unha homenaxe tanto ao escultor cambadés como á propia Galicia, pola súa capacidade de expresar na pedra e na madeira a identidade dun pobo aberto ao mundo: “Asorey tallou na pedra o carácter dun pobo. Esa Galicia orgullosa das súas raíces e aberta ao mundo”, destacou o presidente.

Santiago, 25 de Outubro de 2025

A Cidade da Cultura acollerá en novembro a primeira edición de SINTE. Foro internacional de arte e cultura dixital, un encontro que nace co obxectivo de abrir un espazo de reflexión e diálogo ao redor dos retos e oportunidades da creación dixital contemporánea.

Santiago, 23 de Outubro de 2025

A Xunta de Galicia e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) impulsan a instalación artística Arqueoloxía da festa, que se pode visitar de maneira gratuíta no Museo Gaiás ata o vindeiro 23 de novembro. A proposta rastrea os sedimentos acústicos dun campo da festa abandonado en Portomouro (Val do Dubra), revelando a diversidade de pegadas humanas e naturais na paisaxe e as súas transformacións.

Santiago, 22 de Outubro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás a exposición fotográfica Contemos Multitudes. Dano Cerebral Adquirido: onde as cousas volven a estar ben, que propón visibilizar a realidade das persoas que conviven con esta discapacidade. A iniciativa,  liderada por Dano Cerebral Galicia, conta co apoio da Xunta de Galicia a través das Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Política Social e Igualdade.

Santiago, 21 de Outubro de 2025

A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, inaugurou hoxe en Lugo a exposición Nicolás Muller en Galicia na Sede Afundación, entidade colaboradora deste proxecto na cidade que recolle imaxes dun dos grandes documentalistas da Europa do s. XX durante as súas viaxes á Comunidade.

Páxinas