A Cidade da Cultura amplía durante a Semana Santa a súa oferta de visitas comentadas á arquitectura e ás exposicións do Museo Centro Gaiás, coincidindo coa derradeira semana da mostra Francisco Asorey, unha recuperación necesaria, que pecha as súas portas o vindeiro domingo 5 de abril.
Así, a oferta de visitas do Museo Centro Gaiás para estes días inclúe ata 13 quendas en catro modalidades de visitas comentadas de balde. Nestes percorridos divulgativos, o público poderá optar por descubrir as liñas arquitectónicas do complexo e afondar nos seus usos e funcións, pero tamén achegarse polo miúdo as tres exposicións que se poden visitar actualmente no Museo.
Así, será a derradeira oportunidade para visitar a mostra Francisco Asorey, unha recuperación necesaria, que afonda na vida e no mundo creativo do artista de Cambados, figura imprescindible na historia da arte galega e un dos grandes renovadores da escultura española do século XX. Trátase dunha selecta escolma de medio centenar de esculturas e ao redor dunha decena de escaiolas, xunto con debuxos, audiovisuais, documentos da época e ferramentas de traballo, ademais das cerámicas coas que se popularizaron algunhas das súas obras máis significativas.
A programación do Museo inclúe ademais a recentemente inaugurada As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, exposición comisariada pola artista e investigadora Mónica Alonso que atravesa 125 anos de historia da arte galega. A mostra percorre paisaxes, bodegóns, esculturas e imaxes evocadoras da memoria individual e colectiva de cada estación en Galicia, nunha coidadosa escolma de máis de 80 obras de 63 artistas. Unha proposta singular que, partindo dun concepto de inmersión espacial, converte o Museo nun lugar onde sentir a arte a través dos sons, da temperatura, das cores e das texturas.
Completa a programación expositiva do Museo Centro Gaiás Mundo expandido. Entre o físico e o virtual, unha mostra en colaboración con Fundación Telefónica que lanza un feixe de interrogantes sobre os efectos da explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas. A través de instalacións interactivas, obxectos históricos —como caixas ópticas ou visores estereoscópicos— e obras de diversos artistas nacionais e internacionais, a exposición reflexiona sobre a pulsión humana por crear e habitar mundos simulados. Achégase así a cuestións sociais e filosóficas como as implicacións do xurdimento do metaverso, a radicalización fomentada polos algoritmos sen control, o machismo nos videoxogos en liña, ou o impacto dos filtros de imaxe e as ferramentas de intelixencia artificial na conformación da nosa propia identidade.
Volve o Galiverso ao Gaiás
Coincidindo coa Semana Santa, a Cidade da Cultura recupera ademais a instalación inmersiva do Galiverso, coa que se pode explorar virtualmente o patrimonio cultural de Galicia. Así, o público que a partir do martes 31 de marzo se achegue ao Gaiás terá a oportunidade de probar todas as experiencias de realidade virtual desenvolvidas ata o momento no marco desta iniciativa da Xunta de Galicia que aproveita o potencial das tecnoloxías para amosar o noso patrimonio artístico, industrial, arquitectónico ou natural dun xeito diferente.
Con entrada de balde e sen saír do Museo, as persoas visitantes poderán volver camiñar polas rúas do vello Portomarín antes de ser anegado polo encoro de Belesar, ou visitar marabillas naturais, arqueolóxicas e históricas como a cova de Eirós, a praia de Teixidelo, ou a Cova do Rei Cintolo. Pero tamén subir nun batiscafo virtual e explorar os fondos mariños da costa galega, viaxar virtualmente a destinos como a cripta do Apóstolo na Catedral de Santiago, o canón do Sil, o templo romano de Santalla de Bóveda en Mera (Lugo), ou os 11 centros que forman parte da Rede de Museos de Galicia.
