A Xunta promove o coñecemento de José Suárez reeditando o catálogo da mostra 'Uns ollos vivos que pensan'

Santiago de Compostela, 24 de Abril de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, presentaron no Museo Centro Gaiás a reedición de José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, a publicación da exposición homónima organizada pola Cidade da Cultura en 2015 e considerada a máis ambiciosa ata o momento sobre o fotógrafo ao que este ano se lle dedica o Día das Artes Galegas.

No marco desta conmemoración, a Xunta recupera esta publicación de referencia que viu a luz con motivo da mostra comisariada por Manuel Sendón Trillo e Xosé Luis Suárez Canal e que, grazas á colaboración do Instituto Cervantes, permitiu pór en marcha un programa de itinerancias que achegou as fotografías de José Suárez a capitais como Madrid, París, Nova Delhi, Toquio, Bos Aires ou Montevideo.

Con textos en galego, castelán e inglés, o catálogo recolle 217 imaxes exhibidas no Museo Centro Gaiás nunha exposición que percorreu as etapas vitais de Suárez, incluíndo fotografías tan emblemáticas como a do neno coa maqueta da dorna Javiota, ou os retratos de Miguel de Unamuno, Rafael Alberti ou José Bergamín, ademais de series como Mariñeiros, a Pampa, Xapón ou a Mancha.

Completando os textos dos comisarios, o catálogo inclúe sinaturas como a de Juan Manuel Bonet, crítico de arte e exdirector do Instituto Cervantes, ou a de Alberto Martín, crítico e comisario especializado en fotografía.

A publicación foi editada orixinalmente en 2015 esgotándose en poucos meses e sendo reeditada en 2016 en colaboración co Instituto Cervantes. Para esta terceira reedición que acaba de saír do prelo contouse novamente co estudio galego de deseño gráfico Numax.

A publicación atópase xa á venda no Museo Centro Gaiás, na librería institucional da Xunta e tamén na exposición A natureza e o home: a fotografía de José Suárez, que pode visitarse actualmente no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.