Convocados pola Consellería do Medio Rural, os Premios Exceleite recoñecen a excelencia da calidade hixiénico-sanitarias das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia. Para iso, o pasado día 16 de xuño de 2020, convocáronse oficialmente estas
distincións, coas que se procura eloxiar o compromiso, o saber facer e o gran traballo dos produtores galegos, no proceso de obtención dun leite cru da mellor calidade.
Os premios Exceleite distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e á súa vez estas subdivídense cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.
Optan a estes recoñecementos todas as granxas leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deben tamén atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
Os resultados que facilitan as análises do Ligal permitiron facer unha primeira selección de finalistas entre os que, tras unha visita de campo ás granxas, se deciden os gañadores.
























