Unha colección artística é unha proposta sempre incompleta, un proceso que marca, paso a paso, obra a obra, o presente dun lugar e dun tempo. A exposición Ser Noutras experimenta coa hipótese de interrogarnos sobre como se exhibe unha posible colección de arte galega, entendéndoa non como algo estático e inmutable, senón como un ente vivo e conectado co propio proceso de creación.
A través desta visita guiada poderás mergullarte, da man do equipo de guías do Museo Centro Gaiás, no relato dunha mostra que exhibe máis dunha trintena de obras de arte galega pertencentes á colección do Museo Reina Sofía, asinadas por figuras históricas como Maruja Mallo, Julia Minguillón, Arturo Souto ou Virxilio Viéitez, e tamén por artistas actuais cunha ampla e recoñecida traxectoria: desde Berta Cáccamo a Menchu Lamas, Francisco Leiro, Xurxo Lobato, Carme Nogueira, Vari Caramés, Elena Colmeiro ou Salvador Cidrás, entre outros.
A partir desta selección, a exposición convidou a creadores e creadoras do panorama galego actual —como Chelo Matesanz, Mar Caldas, Lois Patiño, Yoseba MP, Pablo Barreiro, Julia Huete, Yolanda Castaño, ou Kiko Pérez— a establecer un diálogo desde a propia práctica artística, ben a través dunha obra xa existente, ben dunha peza orixinal realizada de xeito específico para a mostra. Este proceso materializouse en 18 conversas sobre a memoria, a identidade, o territorio, o conflito, o corpo, a sexualidade, os afectos, os coidados ou o feminismo. Diálogos que atravesan o tempo e as xeracións e das que xorden tamén 15 obras inéditas, realizadas especificamente para este proxecto expositivo.
Información a ter en conta
- De balde: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar no mostrador de información do Museo.
- A exposición tamén pode visitarse por libre, gratuitamente
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.







