O Edificio Fontán na Cidade da Cultura acolle este mes de setembro a Agrobiodiversity Summer School, escola de verán organizada en colaboración polo grupo de investigación ZHAW Geography of Food, o Swiss Research Institute of Organic Agriculture (FiBL), a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, o CISPAC e institutos de investigación de Eslovenia e Hungría, nos que terá lugar o curso os próximos anos.
A través desta Escola Internacional de Verán atenderanse ás diferentes perspectivas ao redor da agrobiodiversidade e a súa contribución á sustentabilidade e á resiliencia dos sistemas alimentarios. En pequenos grupos de estudantes e grazas a expertos internacionais e produtores agroecólogos, as persoas participantes no curso terán a oportunidade de investigar en profundidade os retos e desafíos dos sistemas de produción locais existentes e como a cadea alimentaria está conectada coa agrobiodiversidade.
A agrobiodiversidade inclúe a diversidade de cultivos e especies e variedades gandeiras, a diversidade de sistemas de produción e abastecemento de alimentos, así como as diferentes prácticas e intensidades agrícolas e a biodiversidade que apoia indirectamente a agricultura mediante a provisión de servizos ecosistémicos. Polo tanto, a agrobiodiversidade é esencial para os manexos da terra adaptados localmente e resilientes en todo o mundo e, en última instancia, contribúe á consecución de varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Entre os docentes cos que contará a Agrobiodiversity Summer School están Lourenzo Fernandez Prieto e David Soto Fernández, ambos da USC, Manuel Gonzalez de Molina e Gloria Guzman da Universidade de Pablo de Olavide, e Bernadette Oehen e Grüter Roman do Swiss Research Institute of Organic Agriculture (FiBL). Á vez contarase coa participación de labregos agroecoloxicos, como son a Finca El Cabillón ou de experiencias como Eo Alimenta, a primeira estratexia alimentaria participativa de Galicia, tamén liderada pola USC.
A Agrobiodiversity Summer School consta dunha fase preparatoria e unha semana de estudo de 10 días entre Santiago de Compostela e Ribadeo do 1 de setembro ao 10 de setembro. Despois de completar con éxito o curso, o alumno recibirá 4 ECTS. O programa completo pode consultarse AQUÍ.
























