Consolidado como unha cita de referencia para o ecosistema galego da ciberseguridade, o VI Encontro CIBER.gal reunirá durante tres días a profesionais, empresas, administracións públicas, estudantes e cidadanía para compartir coñecemento, coñecer novas solucións e analizar os retos dun contorno dixital en constante evolución.
Organizado polo Nodo CIBER.gal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o programa da sexta edición estrutúrase en tres xornadas con contidos adaptados aos distintos públicos: a primeira estará orientada á Administración pública; a segunda, ao tecido empresaria e profesional; e a terceira terá un carácter divulgativo, cunha atención especial á comunidade educativa e á cidadanía.
O encontro reunirá a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional que abordarán, entre outras cuestións, a directiva NIS2, a gobernanza da intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade, a identidade dixital ou o financiamento de empresas emerxentes.
Ao longo das xornadas, os asistentes poderán gozar de momentos de networking e tamén terán a oportunidade de coñecer, previa inscrición, as instalacións, capacidades e os servizos dos laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade da Xunta de Galicia. O programa inclúe a final do concurso escolar “Ciberseguridade no cole!” e actividades dinámicas para escolares.
As tres xornadas poderán seguirse de forma presencial ou en liña, con prazas limitadas para a asistencia física. A participación é totalmente gratuíta ata completar capacidade.




























