O mércores 26 de abril preséntase no Edificio Fontán a Cátedra Interinstitucional Xunta de Galicia – CRUSOE – NTT Data en Patrimonio Cultural Dixital, nun acto que contará coa participación do seu director científico, Juan Castro Cal e organizado polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
A Cátedra Interinstitucional en Patrimonio Cultural Dixital é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e a tecnolóxica NTT DATA España, que procura promover a investigación de vangarda a través de cuantificación, medida e valoración do patrimonio cultural dixital galego e fomentar a formación en nivel de posgrao. O proxecto súmase a outras actuacións no eido do patrimonio cultuarl dixital, como son o proxecto Memoria Dixital de Galicia, Galiciana ou Galicia Nomeada.
Entre os seus obxectivos atópase a creación dun Máster Interuniversitario en Patrimonio Cultural Dixital no que participarán preto de 30 universidades europeas, unha iniciativa que permitirá desenvolver un programa de mobilidade do alumnado entre diferentes estudos e universidades; crear un programa Erasmus Mundus para a cooperación e mobilidade internacional; poñer en marcha un Doutorado Europeo en Patrimonio Cultural Dixital; así como un premio para traballos de fin de mestrado.
























