IV Maker Faire Galicia

Maker Faire volverá ao Museo Centro Gaiás do 23 ao 25 de novembro na que xa é a súa cuarta edición, consolidándose como a máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París. Nas súas tres edicións anteriores, o encontro congregou arredor de 30.000 asistentes e medio milleiro de makers que expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.

Maker Faire Galicia concíbese como un evento para todos os públicos e disciplinas, desde a robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, gastronomía, música, electrónica, artesanía... no que compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais. Ao igual que en 2017, a feira contará con relatores e expositores de referencia a nivel internacional, entre os que destacan o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, creador do primeiro robot  humanoide de código aberto; David Aguilar, mozo español coñecido por construírse, con tan só 18 anos, unha prótese articulada a partir de pezas LEGO; ou José Cordeiro, enxeñeiro do MIT que asegura que os avances da ciencia e a tecnoloxía van permitir non só deter o envellecemento, senón rexuvenecer ás persoas se así o desexan.

A cita inclúe de novo un día enfocado ao sector profesional –o venres 23 de novembro–, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do seu público obxectivo. A fin de semana manterase para o público xeral, cunha programación que contará con talleres, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades.

Un programa para todos os públicos

Ademais da xa tradicional feira expositiva, na que se poderán ver as creacións máis innovadoras dos makers participantes, a Maker  Faire Galicia contará cun amplo programa de actividades dirixido a todo tipo de públicos de diferentes idades e cunha gran diversidade de contidos. Haberá máis de 25 talleres, desde a biotecnoloxía, a electrónica ou os bioplásticos ata a programación ou a fabricación de zocos con materiais reciclados. Tamén chama a atención o exclusivo circuíto de drons, que terá lugar no subterráneo da Cidade da Cultura ou a Hebocon, un campionato de robots para familias. Como todos os anos, as conferencias serán un dos pratos fortes do evento, con máis de 20 charlas e mesas de debate previstas durante as dúas xornadas nos diferentes espazos. Entre elas, ademais dos relatores xa anunciados, destaca a integración de conferencias independentes como o NOS Open Space, coordinado polo NOS Day, ou as actividades do grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech.

As inscricións dos talleres realizaranse durante a propia feira, no espazo de celebración do mesmo, a partir das 10 h da mañá. A asistencia ás charlas e mesas de debate serán sen inscrición previa, ata completar o aforo, salvo no caso de NOS Open Space, tal e como se indica no programa.

Todos os talleres e charlas do programa oficial son totalmente gratuítos para menores de 14 e maiores de 65 anos. No resto dos casos o custo da entrada á feira será de 5€, sendo válida para as dúas xornadas e inclúe todas as actividades anteriormente citadas.