A Fundación Cidade da Cultura acolle por primeira vez o IV Congreso Galego de Bonsái organizado por Alberto Baleato. Este ano o encontro conta cunha exposición única da man de Jorge Campos.
O congreso é un encontro internacional onde se darán cita expositores doutros países como Portugal ou Francia, ademais de todo o territorio nacional. As pasadas edicións tiveron lugar en Val do Dubra, pero este o ano o congreso salta á Cidade da Cultura en Santiago de Compostela co propósito de darlle máis visibilidade a todos os expositores, e sobre todo para atraer a un público maioritario que queira descubrir a arte milenaria do bonsái.
O último congreso tivo lugar en 2016 e reuniu unhas 5.000 persoas durante os dous días que durou o encontro, asistiu público de todas as comunidades autónomas e outros países entre os que se atopaban Portugal, Francia, Alemaña, Italia… Para este ano o congreso conta cun total de 50 árbores que formarán parte a exposición central.
EXPOSICIÓNS
Pero ademais, esta edición conta cun invitado especial, Jorge Campos, que terá un espazo propio onde se poderán ver dúas exposicións: Labirinto e Orixe, xuntas forman unha experiencia nunca vista no mundo bonsái.
A luz, xogará un papel crucial á hora de mostrar as 6 árbores e 6 esculturas do artista e mestre Jorge Campos. Este ano haberá 4 demostracións cos mestres Milan Karpisec ( Repúblia Checa), Francesco Forno (Italia), David Ruiz (Barcelona) e Andres Bicocca (Arxentina). As demostracións consisten en que cada mestre colle unha árbore e trabállao en directo explicando o como e o porqué de cada acción.
CONFERENCIAS
Ademais, haberá 3 conferencias da man de Luís Vila de Oleiros que falará sobre deseño co apoio de David Ruiz, José Pardo (Conservador do Museo de Bonsái do Botánico de Barcelona) que expoñerá a súa visión sobre pragas e fitosanitarios; e por último Néstor NDM que falará sobre Kazari, o termo xaponés que estuda a arte de expoñer bonsái.
Todas as actividades son totalmente gratuitas, a intención deste IV Congreso Galego de Bonsái é achegar o mundo bonsái a un público interesado na arte, xa que bonsái vai máis aló da árbore e a maceta.
- Que é un bonsái? É unha árbore nunha maceta, unha arte que se remonta dous mil anos atrás na China, aínda que logo foron os xaponeses os que o desenvolveron en todo o seu esplendor dándolle a categoría de arte. Ademais é unha arte viva, xa que a obra nunca está acabada, segue crecendo e evolucionando porque os coidados e o mantemento son necesarios toda a vida.






















