A Cidade da Cultura acolle a Homenaxe a Joseph Beuys, unha iniciativa didáctica enmarcada dentro da V Semana Internacional da Educación Artística da Unesco na que participan máis dunha vintena de centros escolares de infantil, primaria e educación especial, asociacións de pais e institucións da comarca de Arousa, e que conta coa colaboración dos alumnos do Master de Educación da Universidade de Santiago.
Co obxectivo de achegar a arte e estimular a creatividade das novas xeracións, este proxecto consistiu na elaboración dunha instalación colectiva, formada por un conxunto de cadeiras recicladas e forradas de diferentes plantas, na meirande parte dos casos procedentes dos xardíns e hortos ecolóxicos dos centros. Co título ‘Homenaxe a Joseph Beauys’, o proxecto expresa a inspiración nas ideas deste creador alemán, quen sostiña que cada persoa leva un artista dentro e que a arte debe formar parte da vida.
Tras a súa estadía na Cidade da Cultura, estas pezas percorrerán outras localidades, como A Illa de Arousa, onde poderán visitarse na praia de O Bao (22, maio); o Concello de Cambados (23 de maio), que as exhibirá no Paseo da Calzada e no Praza do Concello en Vilanova de Arousa (24 de maio).


























