Galicia, un relato no mundo: algunhas pezas destacadas

Galicia, un relato no mundo estrutúrase arredor dos mitos, as historias, as memorias e as vidas dos galegos e galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos.

Dos mitos fundacionais de Galicia ao florecemento da lírica medieval, desde Irlanda ata Roma, destacamos tan só algunhas das máis de 300 pezas que conforman o relato imprescindible desta exposición[*]:

O Libro das Invasións (The Book Of Leinster) | Trinity College, Dublín

[1ª vez en Galicia]

Nos mitos fundacionais da identidade de Galicia, a idea de viaxe é fundamental. Trala chegada ou partida de famosos personaxes mitolóxicos está o propósito de prestixiar o territorio, os seus habitantes e gobernantes. Ao longo da fachada atlántica forxáronse historias sobre un pobo de conquistadores que navegaban de ribeira en ribeira, uns relatos que conectan Galicia e as Illas Británicas.

O Lebor Gabála Érenn, ou Libro das Invasións, é parte do  Libro de Leinster, unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa. Trátase da obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o líder mítico que avistou por primeira vez desde o Faro de Brigantium. Séculos despois, no XIX, a través do traballo do historiador Manuel Murguía a lenda de Breogán incorporaríase á tradición cultural e identitaria de Galicia, que no propio Himno se convertiría no Fogar de Breogán.

Custodiado polo Trinity College de Dublín, o Libro das Invasións sairá por vez primeira de Irlanda para ser exposto en Galicia, un relato no mundo. Foi producido entre os séculos XII e XIII polo abade Áed Ua Crimthainn no mosteiro de Tír-Dá-Glas (Tipperary, Irlanda). Reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos, os últimos dos cales serían os milesios, procedentes da cidade galega de Brigantia. Entre as fontes máis importantes do Libro das Invasións está o historiador Paulo Orosio, oriundo de Braga, que no século V describe o vínculo entre Irlanda e Brigantia.

Mapa de Sawley | Cambridge University-Parker Library

[1ª vez en Galicia]

Mapa de Sawley revela o coñecemento do reino de Galicia en Europa no século XII, durante a coñecida como "Era Compostelana", un período de especial florecemento cultural, económico e institucional do reino. Datado cara 1190, contemporáneo do Pórtico da Gloria, o mapa sitúa a catedral de Santiago coma o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa nun tamaño incluso maior que a Basílica de San Pedro de Roma.

É un dos primeiros mapa mundi europeos e está considerado o mapa enciclopédico máis antigo conservado das Illas Británicas. Os mapas enciclopédicos son una síntese de saber pois non só colocan representacións xeográficas, senón os outros saberes do seu tempo: históricos, bíblicos e lendarios. Foi descuberto na biblioteca da abadía de Sawley, un mosteiro cisterciense de Yorkshire, e esta será a primeira vez que se exporá en Galicia.

Códice Calixtino (Liber Sancti Iacobi) | Biblioteca Apostólica Vaticana e Biblioteca General Histórica (Salamanca)

No s. XII realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente. O propio Liber Sancti Iacobi foi escrito coa vocación de prestixiar e conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno, a figura con máis renome da Europa medieval, e a súa chegada a Compostela.

Os Liber Sancti Iacobi do Vaticano e de Salamanca –que toman como modelo o códice compostelán– inclúen miniaturas recollendo a escena do encontro entre Santiago e o emperador, contribuíndo á difusión da lenda por todo o continente. Son dous dos tres únicos códices calixtinos iluminados –ademais do orixinal de Santiago de Compostela– e permiten observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelán, como é o propio rostro do emperador Carlomagno

Cancioneiro da Vaticana | Biblioteca Apostólica Vaticana

[1ª vez en Galicia]

O Cancioneiro da Vaticana é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego portuguesa medieval, nacida nunha época de especial esplendor cultural, económico e político da Era Compostelá no século XII. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para a nosa cultura –que se exporá en Galicia por vez primeira– pero tamén central na tradición literaria de Europa. A lírica galego portuguesa, xunto coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente.

Trátase dunha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.

Codex Aretinus, o Itinerario de Exeria | Biblioteca de Arezzo (Italia)

[1ª vez en Galicia]

A Gallaecia do final do Imperio Romano foi un territorio moi dinámico. As elites teceron unha rede de contactos con todo o Imperio e documéntase unha activa participación no intenso circuíto comercial que conectaba o Mediterráneo oriental co norte de Europa. Exeria, aristócrata galaicorromana, é a primeira escritora coñecida da Península Ibérica e representante do conxunto escaso de mulleres da Antigüidade tardía que emprenderon a peregrinación de Occidente a Oriente movidas pola piedade e a curiosidade de coñecer os escenarios da Biblia.

O manuscrito do Itinerario de Exeria forma parte do Codex Aretinus 405, descuberto en 1884 por Gian Francesco Gamburrini na Biblioteca de Arezzo. O texto foi transcrito no século XII, posiblemente no mosteiro de Monte Cassino, a partir dun manuscrito anterior. Desde o século XIX, o Itinerario da virxe Exeria foi obxecto de numerosas edicións e traducións en todo o mundo, sendo unha das fontes máis valiosas para coñecer a espiritualidade da Antigüidade tardía e o papel da muller nese tempo.

Guerreiro de Lesenho | Museu Nacional de Arqueologia de Portugal

Peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península Ibérica, grazas á súa riqueza iconográfica. Desempeñará unha función nodal na exposición como clave para contextualizar diferentes obxectos arqueolóxicos que amosan conexións formais, culturais ou tecnolóxicas en relación con outros pobos da Idade do Ferro e tamén para relatar os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano, a través da iconografía da caetra.

Nas estatuas de guerreiros galaicos, a caetra, o escudo, é o elemento da panoplia máis visible e relevante e sempre se representa de maneira frontal. Será este o primeiro símbolo do noroeste peninsular, singularizado como tal, que represente visualmente ao noroeste de Iberia en Roma, no corazón do Imperio, nos primeiros tempos da conquista relatando os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano.

[*Varias pezas centrais da mostra están actualmente en tramitación para a súa viaxe a Galicia, especialmente aquelas procedentes de América Latina e estreitamente relacionadas coa Galicia da emigración, que se irán desvelando nos vindeiros meses]

 
Exposicións
 
29 AGOSTO-15 DECEMBRO
De 10 a 20 horas
19 SET - 5 XAN 2020
De 10 a 20 horas
NOV 2019 - ABR 2020