Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido: onde as cousas perdidas volven estar ben é unha mostra que pon rostro ás persoas que conviven no día a día coas consecuencias do dano cerebral adquirido. A través da fotografía, visibilízanse unhas secuelas que moitas veces resultan invisibles e incomprendidas para a sociedade.
A exposición está composta por 58 imaxes repartidas en dúas seccións: por unha banda, 21 retratos do fotógrafo galego Fuco Reyes, recoñecido con numerosos premios pola súa traxectoria, e por outra, 37 fotografías realizadas por persoas con dano cerebral adquirido, resultado dun obradoiro creativo dirixido polo propio artista.
O diálogo entre estas dúas miradas crea unha experiencia única que permite achegarse á fractura vital que implica a chegada desta discapacidade, pero tamén á forza expresiva e á capacidade de resiliencia das persoas afectadas.
A mostra é unha iniciativa de Dano Cerebral Galicia, federación que reúne ás cinco asociacións galegas desta discapacidade, e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e da Cidade da Cultura de Galicia.

 
              
















