Galicia, de Nós a nós

Galicia, de Nós a nós reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020, no que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós. O Museo Centro Gaiás exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

A segunda gran exposición do Xacobeo 2021 –tras Galicia, un relato no mundo– eríxese ademais como un proxecto de país co que o Goberno galego contribúe a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades da comunidade. En conxunto ceden obra para a exposición máis de 60 institucións e prestadores privados.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña TrabazoGalicia, de Nós a nós nace tamén co espírito de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta; ademais dar a coñecer polo miúdo unha revista que é un dos referentes imprescindibles da cultura galega do s. XX.

Levándonos desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días, a mostra permite contemplar obras que foron obxecto de estudo da revista, como o Santiago de Morlaix, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, o puñal de Beluso, ou a estela de Florderrei Vello. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, suscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.

Tecnoloxías interactivas adaptadas á era covid

A exposición emprega as novas tecnoloxías como un elemento que axuda a construír o relato expositivo a través do uso de elementos interactivos, audiovisuais ou realidade aumentada. Ademais, atendendo á situación xerada pola pandemia da covid-19 e para  minimizar calquera risco de contaxio, todos os elementos interactivos da exposición empregan tecnoloxías sen contacto físico. A través de sensores de presenza e movemento, as persoas visitantes poden controlar as diferentes pantallas interactivas da exposición sen tocar nada e empregando os seus dispositivos electrónicos persoais no caso das recreacións en realidade aumentada.

Recrear virtualmente o campamento romano de Aquis Querquennis, mergullarse nos temas, autores e conexións internacionais da revista, experimentar coa iconografía de Nós deseñada por Castelao ou viaxar ás cidades galegas do século XIX a través da cartografía da época son algunhas das experiencias que as persoas visitantes poderán experimentar grazas ao traballo asinado pola startup galega Xoia Software Development.

Completan o percorrido expositivo un coidado traballo gráfico, asinado polo infografista e ilustrador Álvaro Valiño --colaborador de publicacións como National Geographic, The Washington Post, The Guardian, Corriere della Sera ou Science-- e unha peza audiovisual sobre a pegada de Nós na sociedade galega do século XXI --na que participan a poeta Yolanda Castaño, o cineasta Oliver Laxe, a cantautora Faia Díaz, a fotógrafa Lúa Ribeira, o deseñador Carlos Hidalgo, a artista visual Marta Verde, a arqueóloga Rebeca Blanco e o pedagogo Alejandro Sotelino.

Itinerancias

Tras a súa estancia no Museo Centro Gaiás, a mostra comezará unha itinerancia no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, onde se poderá visitar entre o 18 de febreiro e o 18 de abril de 2021. Tanto o número de pezas como a montaxe serán as mesmas que na Cidade da Cultura. Esta itinerancia realízase en virtude do acordo coa Deputación de Ourense –entidade coorganizadora da mostra–. A continuación, entre o 20 de maio e o 11 de xullo de 2021, a mostra itinerará ao Museo de Pontevedra, en virtude dunha colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Seguridade covid-19

— Eliminación das entradas e folletos de sala en papel, substituíndoos polo seu equivalente en formato dixital [Descárgaos aquí!].

— Emprego de tecnoloxías sen contacto físico para o manexo das instalacións interactivas da mostra.

— Axuste da capacidade permitida da sala á normativa vixente en cada momento.

— Visitas guiadas sempre con reserva previa.

— Outras medidas de seguridade de obrigado cumprimento, que inclúen: 

  • Emprego de máscaras de protección
  • Mantemento de distancia de seguridade en sala
  • Emprego de xel hidroalcólico no acceso 
 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h