A Xunta de Galicia, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, organiza unha nova xornada do Foro Galego do Brexit baixo o nome ”Galicia ante o Brexit: Perspectivas, retos e oportunidades para as empresas galegas”.
O encontro terá lugar na Cidade da Cultura (salón de convencións, edificio Cinc) en Santiago de Compostela e contará coa participación de representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, do ICEX España Exportación e Inversións, da embaixada do Reino Unido en España e da Comisión Europea.
O director de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, moderará o segundo panel do evento sobre o estado actual das negociacións e a situación futura.
Ao longo da xornada, que ten como obxectivo axudar ás pemes galegas a afrontar a saída do Reino Unido da Unión Europea, darase a coñecer o informe ”A empresa española e galega ante o Brexit. Como prepararse”.
Ademais, debaterase sobre o estado actual das negociacións, así como das consecuencias da proposta de acordo transitorio en sectores estratéxicos e o seu impacto na economía galega.
As inscricións na xornada deben tramitarse a través do seguinte correo electrónico: comunicacion@igape.es
Pode consultar aquí o programa completo do evento.
























