O edificio Fontán da Cidade da Cultura acolle este 8 de outubro de 2024 unha xornada formativa presencial do proxecto cREAgal, unha iniciativa da Xunta para impulsar o ensino híbrido nas aulas a través de materiais dixitais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos, que pode empregarse voluntariamente nas aulas dixitais dos centros galegos de Primaria e ESO a partir deste curso 2024/25.
cREAgal vai pór a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos gratuítos en aberto deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Estes recursos están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.
Os materiais proporciónanse cunha licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.
Os recursos que forman cREAgal non compoñen en si un temario, senón que se trata de situacións de aprendizaxe nas que se propón un reto que o alumno debe alcanzar a través do desenvolvemento dunhas actividades concretas. Cada un dos recursos vai acompañado dunha guía didáctica na que se detallan os elementos do currículo que se abordan, así como os criterios de avaliación das competencias que se traballan.
























