A Cidade da Cultura acolle o 10 de xullo o I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que un total de doce formacións interpretarán durante vinte minutos o repertorio elixido para a ocasión. O Festival rematará cunha actuación conxunta de todas as agrupacións, que interpretarán sobre o escenario da praza central o Himno Galego.
O I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, nace para dar a coñecer o traballo que fan as formacións máis novas das bandas de música galegas ao tempo que se fomenta unha xornada de convivencia entre os seus compoñentes, provintes de toda a xeografía galega e co nexo común do seu amor pola música.
As bandas que formarán parte desta primeira edición son:
- Banda Infantil da Unión Cultural de Campo Lameiro
- Banda Xuvenil da Unión Musical Ponteledesma
- Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal
- Banda Xuvenil da Banda Artística de Merza
- Xoven Banda Municipal de Valga
- Banda Xuvenil da Cultural de Teo
- Banda Infantil da Agrupación Musical de Vincios
- Banda Infantil e Xuvenil de Antas de Ulla
- Banda Xuvenil de Santa Cruz de Ribadulla
- Banda da Escola de Música de Valladares
- Sons e Soños (Rábade-Begonte-Outeiro)
- Banda de Música de Visantoña























