O curso Deseño de programacións de artes escénicas en Galicia, promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, desenvólvese en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) co obxectivo de cubrir un baleiro formativo no sector e mellorar a oferta de artes escénicas en Galicia.
Trátase dunha formación gratuíta que conta con certificado de aproveitamento e está dirixida a profesionais responsables de seleccionar, contratar e exhibir espectáculos de artes escénicas, tanto no ámbito público como no privado. O itinerario formativo está distribuído en sete sesións presenciais e en liña nas que 23 docentes de referencia neste ámbito en Galicia desenvolverán unha ampla proposta de contidos dirixidos a dotar ao sector de recursos que lles permitan asumir con solvencia o deseño de programacións de calidade, incentivar novos modelos que dean cabida á riqueza e diversidade actual de propostas, propiciar unha relación enriquecedora entre todos os axentes deste ámbito e fomentar a conexión entre artes escénicas e públicos.
As sesións presenciais impártense no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. O curso ten unha duración total de 42 horas e a asistencia mínima obrigatoria para a obtención da certificación é de 35 horas.
























