A Cidade da Cultura acollerá no Museo Centro Gaiás os vindeiros 4 e 5 de maio o II Cume Académico e do Coñecemento da Unión Europea, América Latina e o Caribe (EU-LAC), coorganizada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa colaboración de institucións e redes científicas de ambas as rexións.
O evento é un punto de encontro para o debate e a reflexión crítica sobre aspectos cruciais para a integración e o fortalecemento das institucións científicas e de educación superior no espazo euro-latinoamericano e caribeño. O seu obxecto principal é impulsar a construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación, a través da xeración de coñecemento, o deseño de liñas comúns de acción, o establecemento de alianzas e de capacidades de promoción estables, a integración e a cooperación estratéxica birregional, nun contexto de transformación da educación superior, contribuíndo así ao desenvolvemento do Plan de Acción UE-CELAC.
Obxectivos do cume
Os obxectivos específicos do cume son:
- Deseñar estratexias e instrumentos que promovan a creación dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación e o intercambio do coñecemento.
- Incidir na formulación de políticas públicas, plans e programas nacionais a través da creación de espazos de discusión, da elaboración de propostas con base científica e da vinculación da academia coa contorna.
- Orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.
Temática
O evento virará ao redor de tres eixos temáticos:
- A transformación dixital da educación superior: Estado actual, retos e oportunidades.
- Coñecemento para o desenvolvemento e a sustentabilidade: Ciencia, tecnoloxía e innovación.
- Cooperación académica: Construíndo o Espazo de Educación Superior euro-latinoamericano e caribeño desde a internacionalización solidaria.






















