Baixo o lema Ciencia para pensar o mundo, a 2ª Xornada Internacional de Bibliotecas Públicas Galicia-Norte de Portugal, organizada no marco do Proxecto Nortear, abordará o papel estratéxico das bibliotecas públicas na difusión do coñecemento.
[Pode consultarse o programa completo AQUÍ.]
Nun contexto caracterizado pola sobreinformación e a rápida propagación de contidos sen contrastar, este encontro quere dotar ao persoal bibliotecario de ferramentas para o deseño e posta en marcha de programas que promovan a cultura científica.
A xornada arrincará cunha conferencia inaugural a cargo da divulgadora Deborah García Bello, que nos falará de como se constrúe e se conta o coñecemento baseado en evidencias e nos axudará a descubrir como as bibliotecas poden acompañar as persoas lectoras na escolla de libros de non ficción. A continuación, os investigadores Julia Hidalgo e Brais Estévez falarannos do Proxecto CROCUS, que estuda o papel dos centros culturais, e en particular as bibliotecas públicas, como pezas clave ante o reto do cambio climático.
O terceiro relatorio, da man de Patricia Quintas, responsable da Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia, porá o foco nas posibilidades de colaboración entre esta unidade e as bibliotecas públicas de Galicia, creando sinerxías institucionais para achegar a ciencia á comunidade dunha forma eficaz e accesible. Para amosar como vincular o acceso á cultura cunha oferta pública que estimule a curiosidade, celebrarase unha mesa redonda con experiencias prácticas da Biblioteca Pública de Ribadavia, da Biblioteca Pública Provincial de Cádiz e da Rede Intermunicipal das Beiras e Serra da Estrela (Portugal).
Ademais, durante a sesión da mañá terá lugar a entrega dos premios ás bibliotecas gañadoras do Certame Bibliotecas que inspiran 2026.
Finalmente, a xornada ofrecerá un bloque práctico mediante tres obradoiros simultáneos deseñados para aplicar estes conceptos no día a día das bibliotecas. Os asistentes poderán traballar na detección da desinformación científica, explorar a aplicación práctica dun Kit Escola de Calor para o diagnóstico térmico orientado aos usuarios ou profundar en estratexias para dinamizar o fondo de divulgación da biblioteca. As inscricións en cada obradoiro poden realizarse a través das seguintes ligazóns:
- Anatomía dun titular: como detectar a desinformación científica (ata na contraportada).
- As bibliotecas públicas ante o cambio climático: un kit escola de calor
- Todo está nos libros, tamén na ciencia
A inscrición está aberta ata o 6 de novembro. Para asistir a un dos obradoiros é necesario inscribirse nel, á marxe do rexistro xeral na xornada. Dado que os obradoiros son simultáneos, unicamente é posible inscribirse nun deles.




























