O V Encontro Ciber.gal celebrarase os días 5, 6 e 7 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. O evento reunirá a profesionais, empresas e cidadanía arredor de relatorios maxistrais, debates sobre os grandes retos da seguridade dixital, sinerxías coa intelixencia artificial e obradoiros prácticos.
As tres xornadas poderán seguirse de forma presencial ou en liña, previa inscrición nesta ligazón, con prazas limitadas para a asistencia física. A participación é totalmente gratuíta ata completar aforo. O programa completo pode consultarse na páxina web do V Encontro CIBER.gal.
Organizado polo Nodo CIBER.gal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o encontro ofrecerá un programa diverso e dinámico, con obradoiros, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais sobre a viralidade nas redes sociais e concursos de ciberseguridade, estruturados en tres bloques dirixidos á administración pública, ao tecido produtivo e á cidadanía, con especial foco nos escolares e adolescentes.
O programa desta edición estrutúrase en tres xornadas diferenciadas, cada unha centrada nun dos públicos obxectivos do evento, e contará ademais cunha área expositiva onde as entidades patrocinadoras presentarán solucións innovadoras en ciberseguridade.
Entre os relatores confirmados destacan referentes internacionais como Bernardo Quintero e o bicampión do mundo da HackerOne Ambassador World Cup, Bernardo Viqueira. Tamén participarán representantes do Parlamento Europeo, do Ministerio de Defensa e do Ministerio de Transformación Dixital, que achegarán a súa visión sobre os novos retos globais en materia de seguridade dixital. Ademais, contarase co cómico galego Oswaldo Digón, que con clave de humor falará da seguridade na contorna dixital.






















