A terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, terá lugar os días 2 e 3 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. A longo das dúas xornadas, un total de 50 profesionais doutras tantas entidades públicas e privadas, do sector TIC e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado abordarán os retos da ciberseguridade para a sociedade, as administracións públicas e o tecido empresarial.
O encontro CIBER.gal, organizado polo Nodo Ciber.gal, está a consolidarse como unha cita de referencia no ámbito da ciberseguridade pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos, xa que está dirixido tanto a profesionais e expertos do sector, como á sociedade: familias, sector educativo, menores, persoas maiores e profesionais de todos os sectores.
Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 1 de novembro a través deste enlace, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada á capacidade do espazo. Ademais, poderán optar por inscribirse nun ou máis bloques de actividades, segundo as súas preferencias ou intereses.
Bloques temáticos e actividades complementarias
As xornadas están organizadas por bloques temáticos. Así, durante a mañá do primeiro día abordaranse os retos da ciberseguridade nas administracións públicas, mentres que durante a tarde o público obxectivo será o tecido empresarial. A segunda xornada está orientada á cidadanía e afondarase na importancia da concienciación neste ámbito e na aposta por unha ciberseguridade inclusiva.
Ademais de relatorios e paneis, CIBER.gal ofrece unha serie de actividades complementarias, que nesta terceira edición abranguen o concurso “Capture the Flag”, patrocinado por Gradiant, e no que os participantes terán que resolver diferentes retos, no menor tempo posible, demostrando a súas habilidades para resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, networking e reversing. Un ano máis, haberá representación teatral coa participación da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e catro talleres prácticos.
O concurso de escolares “Ciberseguridade no cole!”, patrocinado por Telefónica no marco do Encontro CIBER.gal, celebra este ano a súa terceira edición con récord de participación, máis de 6.600 escolares de 120 centros educativos galegos distintos. O colectivo de persoas maiores volve a ter un espazo específico co “Conecta Senior”, patrocinado tamén por Telefónica, unha actividade para favorecer a súa confianza no uso de tecnoloxías dixitais.
O Encontro conta co apoio de entidades pertencentes ao Nodo CIBER.gal, entidade que organiza as xornadas, pero tamén con outras non vinculadas a este ecosistema como mostra do seu compromiso na concienciación sobre a ciberseguridade a todos os niveis no día a día. Deloitte, Abanca, Ednon, Seresco, Grupo Oesía e Huawei son patrocinadores estratéxicos do III Encontro CIBER.gal.
Nodo CIBER.gal
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado medio centenar de entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.
























