Os 60 alumnos de dirección hoteleira e 10 de Gastronomía do Centro Superior de Hostelería de Galicia gradúanse nun acto que se celebra o venres 25 de maio no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. Está previsto que no acto participen representantes do Goberno galego e da Universidade de Santiago Compostela (USC), ademais de máis de 150 familiares, profesores e persoal do CSHG.
Trátase da V promoción de Diploma Superior de Xestión Hoteleira e a III de Gastronomía e Xestión en Cociña a que remata os seus estudos no CSHG. E faino nun evento no que todo o claustro de profesores e traballadores do Centro Superior de Hostelería de Galicia queren homenaxealos e agradecer aos pais e familiares a súa aposta pola formación de calidade e prestixio da escola.
Ademais da entrega de diplomas acreditativos, un alumno, escollido polos seus propios compañeiros, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, lerán discursos nun acto que finalizará cun coctail.
























