Este 28 de marzo o Museo Centro Gaiás acolle Camiño ou Sirât: o diálogo entre dirección e fotografía, un curso intensivo de seis horas impartido por Mauro Herce, director de fotografía e director de cine, gañador do Goya á mellor fotografía en 2020 e 2026 por O que arde e Sirat. A iniciativa propón unha reflexión práctica sobre a relación entre a dirección e a dirección de fotografía na creación audiovisual.
Partindo da idea do camiño, o curso aborda como director/a e director/a de fotografía constrúen xuntos a linguaxe visual dun proxecto: desde a concepción estética ata a resolución técnica no set.
Este encontro formativo está organizado por Crea, Asociación galega de profesionais da dirección e realización, e busca abrir un espazo de intercambio de experiencias e coñecementos no que se revisarán dinámicas reais de rodaxe, problemas habituais na relación creativa e estratexias para fortalecer unha colaboración fluída entre departamentos.






















