No marco da 2ª Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia-Norte de Portugal prográmase o obradoiro “As bibliotecas públicas ante o cambio climático: un Kit Escola de Calor”, impartido polos investigadores do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) Julia Hidalgo e Brais Estévez.
O cambio climático é unha transformación de alcance planetario pero, a pesar da súa evidencia, non sempre o conectamos de forma clara coa nosa experiencia cotiá. Superar esa distancia require instrumentos e mediacións que permitan relacionar o coñecemento científico coas condicións concretas da nosa habitabilidade. Desde esta perspectiva, as bibliotecas públicas poden desenvolver un papel fundamental na construción dunha cultura climática compartida, funcionando como laboratorios cidadáns capaces de conectar coñecemento, experiencia e acción colectiva.
Neste obradoiro presentaremos o Kit Escola de Calor, unha ferramenta pensada para promover a alfabetización térmica e a participación cidadá na adaptación ao calor. Concibido como material de consulta e préstamo nas bibliotecas, o kit reúne recursos pedagóxicos e metodolóxicos para que as persoas usuarias poidan observar, describir e avaliar as condicións térmicas dos edificios bibliotecarios e dos seus contornos, producindo información útil para sensibilizar, crear conciencia e orientar posibles actuacións.
Neste obradoiro incorporaremos a experiencia das profesionais das bibliotecas ao propio desenvolvemento do kit. Tras presentar os seus contidos, traballaremos colectivamente sobre a súa aplicación e posibilidades de uso como material de préstamo. Trátase, en definitiva, de explorar como as bibliotecas e o Kit Escola de Calor poden contribuír a facer o cambio climático máis próximo, comprensible e abordable colectivamente, convertendo a experiencia cotiá nun recurso para o coñecemento e a acción climática.




























