Conferencia Estrella Montolío | VII Premios Emprende Gaiás Sixto Seco

A lingüista, divulgadora e asesora especializada en comunicación, Estrella Montolío, imparte na Cidade da Cutura unha conferencia na que porá o foco na grande esquecida das formacións en comunicación na contorna profesional: a conversa. O relatorio O poder da conversa: comunicar para emprender enmárcase na entrega dos VII Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, certame impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, para favorecer a creación de novas empresas no eido das industrias culturais e creativas, que conta co patrocinio de Afundación e a colaboración do Igape. 

A autora de numerosos traballos especializados en comunicación e responsable da sección 'Todo es lenguaje' dentro do programa de RNE No es un día cualquiera convídanos a reflexionar sobre a forma de comunicación máis habitual no noso día a día, que tece as relacións sociais, constrúe a imaxe persoal e profesional e afecta incluso á felicidade das persoas.

O acto terá lugar no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, o xoves 21 de novembro ás 18:30 horas, con entrada de balde. As prazas son limitadas, polo que podes reservar con antelación a túa praza enviando un email a cem@cidadedacultura.org. As prazas non reservadas cubriranse con entrada libre por rigorosa orde de chegada.

O poder da conversa: comunicar para emprender

Que implica que dúas persoas se interrompan no medio dunha conversa? Unha coidada presentación de produto ou negocio pode verse arruinada por unha charla irreflexiva? Como expresar unha idea asertivamente ou reaccionar ante unha agresión verbal? Habitualmente emprendedores e profesionais dedican tempo e enerxía a formarse e mellorar as súas habilidades para falar en público ou preparar unha presentación de proxecto, mentres que algo tan habitual como a conversa non adoita recibir apenas atención.

Baixo estas premisas, Montolío afondará na importancia que ten a capacidade cerebral de sincronizarse coa fala doutras persoas e no xeito en que entender as cousas que pasan mentres conversamos é a mellor maneira de entender que as palabras nos representan e que as nosas conversas cotiás modelan quen somos socialmente.

Estrella Montolío Durán

Catedrática de Lingüística Hispánica na Universidade de Barcelona, Estrella Montolío focaliza o seu traballo no estudo dos intercambios comunicativos nas contornas profesionais. Neste ámbito, ten asesorado a organizacións como AENA, Amazon, CaixaBank, Endesa, Naturgy, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza, a Corte Suprema de Chile, os concellos de Madrid e Barcelona ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

Conferenciante convidada en máis dun cento de universidades españolas, europeas e americanas, é autora de numerosos traballos especializados aparecidos en publicacións nacionais e internacionais, entre os que destacan os libros Estrategias de comunicación para mujeres directivas (2012, Generalitat de Cataluña), Guía de comunicación igualitaria (2018, Caixabank) ou Cosas que pasan cuando conversamos, que será publicado o próximo ano. Na súa faceta como divulgadora, conduce a sección ‘Todo es Lenguaje’, no programa No es un día cualquiera de Radio Nacional, e é colaboradora habitual de medios escritos como El País, El Periódico ou eldiario.es.

 
 
28 Out 2025 — 5 Abr 2026
De martes a domingo | De 10 a 20 h
4 Feb — 30 Ago 2026
10.00 — 20.00 h
26 Feb — 6 Set 2026
10.00 — 20.00 h
A partir do 31 Mar 2026
De 11h a 14h e de 16h a 20h
16 Set 2025 — 19 Xuñ 2026
7 - 10 Mai 2026
4 Xuñ — 29 Nov 2026
De martes a domingo | De 10 a 20 h