A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (Cixug) e a asociación universitaria GPUL (Grupo de programadores e usuarios de Linux), entrega o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre na súa oitava edición.
O obxectivo do premio é o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe un área de traballo en crecemento. Este premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e un segundo premio de 750€.
Durante esta xornada, o xurado decidirá entre os cinco proxectos finalistas, que farán unha breve intervención, e fará entrega do premio.
























