XXI Encontros normalización lingüística

Con esta nova edición dos Encontros para a normalización lingüística iníciase a terceira decena desta cita anual coas persoas interesadas pola situación da lingua galega e pola planificación tendente á súa normalización, sexa por razóns derivadas dos respectivos ámbitos laborais sexa por unha preocupación que nace do seu compromiso cívico.

Nesta ocasión os encontros titúlanse Divulgación científica en Galicia: cal é o peso (atómico) do galego? E é que non é a primeira vez que nos Encontros agroma o tema da lingua en relación coa ciencia. É inevitable batermos con el ao falarmos do ensino, tanto polo elenco de materias que se ensinan en galego coma polas carencias materiais detectadas en diversos campos do saber e niveis curriculares; mais tamén cando falamos dos usos e actitudes da mocidade, das carencias de oferta para as afeccións e o tempo libre, da visibilización da lingua en determinados ámbitos sociais e culturais, do seu emprego nos recursos audiovisuais e dixitais, etc.  Pero si é a primeira vez que colocamos o noso foco de maneira específica sobre este tema, e entre as moitas orientacións posibles escollemos a divulgación científica en lingua galega.

Na diagnose sobre a cultura galega realizada polo Consello da Cultura Galega en 2017, observouse que os temas de cultura científica e tecnolóxica ocupan un lugar pouco relevante entre os intereses informativos da poboación galega (algo superior en todo caso á media española), e isto debemos entendelo como un déficit cultural e, por tanto, un sinal de que cómpren medidas para o cambio.  Fronte a esas sombras, unhas poucas luces: a constatación de que Galicia é unha comunidade de referencia na produción de cultura científica, da man de particulares, colectivos independentes, asociacións de profesionais, universidades...; engádanse contribucións divulgadoras desde a radio, museos científicos, observatorios... e o portal do Consello da Cultura Galega. A Artesa de 2019 está chea de recursos agardándovos.

¿Como espertar o interese dos potenciais receptores e trasladar toda esa “efervesciencia” ao fardel cultural do conxunto da poboación? E... ¿en que lingua se está a producir ese despregue de actividade?, ¿ata que punto é este un campo de oportunidade para a lingua galega? Por iso, ao nos determos na presentación da situación da Divulgación científica en Galicia, nun momento que algúns consideran vizoso e esperanzador, preguntamos: Cal é o peso (atómico) do galego? (Vai no título unha chiscadela á efeméride que preside a cultura científica deste ano, co 150º aniversario da táboa periódica.)

O Consello da Cultura Galega ten como divisa desde as orixes traballar a prol dun concepto de cultura que contemple tanto a produción humanística coma a científica e tecnolóxica, sempre co fomento da lingua e a cultura galegas como principio irrenunciable. A súa moi activa Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade colabora nesta ocasión coa Comisión Técnica do CDSG no deseño desta xornada.  

Esta nova edición dos encontros é unha nova ocasión para a reflexión e o debate, para o intercambio de información e experiencias, para a presentación de  proxectos e propostas de futuro..., mais tamén para o reencontro e para estimular os afectos. 

 
 
4 Feb — 30 Ago 2026
10.00 — 20.00 h
26 Feb — 6 Set 2026
10.00 — 20.00 h
16 Set 2025 — 19 Xuñ 2026
12 Mai — 14 Xuñ 2026
De 11h a 14h e de 16h a 20h
22 - 26 xuñ [Agás 24 xuñ] | 29 - 3 xull
De 10.00 a 15.00 h (+servizo madruga desde as 8.00h)
Mai - Xuñ 2026
Convocatoria pechada
4 Xuñ — 29 Nov 2026
De martes a domingo | De 10 a 20 h
20 xuñ 2026
Ás 11:30h Peque Holi | Ás 12:00h Holi Gaiás
1 — 4 Set 2026
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 21 MAI