O 2 de maio, a Sala Eisenman da Cidade da Cultura acolle a Xornada DICO in motion co obxectivo de presentar e poñer en marcha o DICO Mindset. Trátase dun plan de acción para impulsar durante os anos 2018-2020 o sector dos contidos dixitais en Galicia, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e os Clústers TIC e Audiovisual.
Este plan xurde do proxecto Viraxe TIC, que se elaborou coa colaboración dos Clústers TIC e Audiovisual, e co que foi posible realizar unha análise profunda para identificar as oportunidades de negocio no ámbito dos contidos dixitais en Galicia. Este programa permitiu tamén poñer en marcha servizos de asesoramento e celebrar foros de networking para promover e reforzar alianzas entre entidades locais e expertos de recoñecido prestixio a nivel internacional.
Inaugurarán a xornada Mar Pereira, directora de Amtega; Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual Galego; e Antonio Rodríguez, presidente do Clúster TIC Galicia, que amosarán as principais características e expectativas do Plan DICO Mindset, orientado a reforzar o capital humano, desenvolver proxectos innovadores e fomentar a competitividade dixital dun sector con 900 empresas e máis de 5.000 empregados en Galicia.
O evento contará coa asistencia do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez; e o director de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira. Na súa intervención amosará as últimas tendencias interactivas incoporadas na televisión pública que seguen as novas tendencias nos hábitos de consumo de contidos dixitais: segundas pantallas de realidade aumentada para dispositivos móviles, canles multimedia adaptadas ó compartamento do usuario e canles temáticas interactivas de contidos educativos.
| 192.04 KB |






















