O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o xoves, 30 de setembro, un novo espazo de networking e debate chamado tres14.pm. Celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.
O relator desta xornada será Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidad de Oviedo, vicedecano do Colegio Oficial de Ingenieros en Informática do Principado de Asturias, e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática (CCII).
Impartirá unha conferencia titulada “Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII” na que ofrecerá unhas nocións básicas sobre a ética e deontoloxía profesional en informática, para continuar cos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo Consejo de Colegios de Ingeniería Informática. Finalizará informando sobre o novo Selo de Empresa éTICa, que vantaxes aporta para as empresas e cales son os requisitos necesarios para solicitalo.
Ademais dos beneficios na relación da profesión coa sociedade, Darío Álvarez sinala que as enxeñeiras e enxeñeiros en informática poden ter apoio do código ético na toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión. Esta relevancia da ética profesional na enxeñaría en informática tamén se observa na extensión da aplicación do concepto de ética profesional non só ao profesional individualmente, senón á organización na que desempeña a súa actividade.
Para responder aos retos que presenta a aplicación da ética e deontoloxía profesional no nivel empresarial, o CCII lanzou a iniciativa pioneira do “Selo de Empresa éTICa” e un rexistro das mesmas para poñer en valor a estas empresas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas. Darío Álvarez explica que esta iniciativa para empresas, autónomos e institucións certifica que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade.
Este programa forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover desde o centro Gaiastech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade. Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo portal dixital www.gaiastech.xunta.gal.
























