Xosé Lois Romero é acordeonista, percusionista, compositor, produtor, divulgador e docente a partes iguais. A súa traxectoria está vinculada a algúns dos nomes e momentos máis importantes da historia recente da música galega, que inclúen dende os seus propios proxectos ata colaboración con artistas como Mercedes Peón, Dani Bellón, Coetus, Guadi Galego, Jane Joyd, Leilía, Susana Seivane, Orquestra de Jazz de Galicia ou Kepa Junkera, entre outros. Nesta masterclass descubriremos dun xeito sinxelo como tocar as tarrañolas, un xoguete musical aparentemente simple que agocha unha maneira moi especial de pensar e interpretar os ritmos.
As masterclasses do Serán'04 tratan cuestións peculiares ou moi especializadas de técnica vocal, pandeireta, percusión ou danza, e co profesorado máis destacado do momento: Felisa Segade, Olga Kirk, Montse Rivera, Luis Prego, Xurxo Fernándes, María Vidal ou Serxio Cobos, entre outros. Nesta edición inclúense contidos novidosos como unha clase de iniciación bordado ao cargo do mosdisto e especialista en traxe tradicional, Álex Regueiro, ou unha de iniciación á pandeireta para persoas con discapacidade. Podes ver o programa completo do encontro e os diferentes contidos formativos premendo AQUÍ.






















