Serán’04. IV Encontro Galego de Cultura Popular. Baile e música tradicional

O noso baile e música de raíz volven ateigar o Gaiás de muiñeiras e aturuxos, de alalás e pandeiradas: o Serán regresa á Cidade da Cultura —encadrado na programación destas Letras Galegas 2025— e coincidindo co arranque do verán e a celebración do Día Europeo da Música. Entre o 20 e o 22 de xuño de 2025, ata un milleiro de artistas, intérpretes e especialistas na música e o baile tradicional de Galicia reuniranse na Cidade da Cultura neste IV Encontro Galego de Cultura Popular.

Novamente con Quique Peón como director artístico, o Serán’04 convídate a tres días de foliada nun encontro para tocar, cantar e bailar, para reencontrarnos, celebrar a nosa cultura propia e amosar a todo tipo de público a creatividade e riqueza da música e do baile galego.

>> C O N S U L T A   A Q U Í   O   P R O G R A M A <<

  • Festival FOLK con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Xosé Lois Romero & AliboriaTres Pesos. Interludios: Os Enxebres de San Lázaro.
  • Certame de Coros Enxebres: Pandeireteiras de XOC (Xacarandaina—O Fiadeiro—Cantigas e Agarimos), Coro Tradicional Xacarandaina (A Coruña), Cantares do Brión (Gondomar), e Coral De Ruada (Ourense).
  • Gran foliadón con centos de intérpretes: cantareiras, gaiteiros, pandeireteiras e grupos de baile.
  • Festival folclórico con oito agrupacións de música e danza tradicional: Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (Laracha), Traspés (Vigo), Buxaina (Cedeira), Son D’Aquí (A Coruña), Saíñas (Xove).
  • Masterclasses profesionais de baile, interpretación ou técnica vocal, co profesorado máis destacado do momento: Felisa Segade, Olga Kirk, Xosé Lois Romero, Montse Rivera, Luis Prego, Serxio Cobos..., entre outros.

  • Obradoiro familiar de serigrafía e estampaxe sobre tea.
  • Exposición de traxe tradicional «O Sarillo», de Yerai Paz Souto.
  • Espazo de feira con expositores vencellados á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais... etc.
  • Foliadiñas con 12 agrupacións e escolas de música: para cantar, tocar e bailar, nas que a cativada é a gran protagonista.

Letras Galegas: Cantareiras

Nun ano onde a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas á poesía popular oral e ás nosas cantareiras, o Serán pon tamén o foco nas numerosas mulleres pandeireteiras, tocadoras, cantareiras e bailadoras que forman parte da música e o baile tradicional e que teñen unha importante presenza no encontro.

A figura das mulleres foi fundamental na creación, preservación e transmisión da cultura popular. Símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade, as pandeireteiras lideraban seráns e foliadas, fortalecendo os vencellos comunitarios no ocio colectivo. A pandeireta —que xa protagonizou o Serán’03— é en Galicia, xunto coa gaita, unha das iconas da música e o baile tradicional e tamén un instrumento interpretado de forma maioritaria por mulleres, que a empregaban acompañando os seus cantos nas ruadas e muiñadas tradicionais.

A aparición das Pandeireteiras de Mens nos anos 70 foi un auténtico punto de inflexión para a reconstrución musical e estética deste instrumento e hoxe en día e imposible entender o folclore e a música galega sen a figura das cantareiras e pandeireteiras.

O baile e música tradicional en Galicia 

Galicia é un dos países de Europa que ten o folclore máis vivo: calcúlase que arredor de 40.000 persoas, desde nenas e nenos ata maiores forman parte de grupos folclóricos, dentro e fóra da Comunidade. A música e o baile tradicional galego percorren o mundo da man de numerosas agrupacións culturais e artistas amadores e consagrados, ao tempo que o ‘tradi’ galego vive na actualidade un momento de especial pulo e creatividade onde a música e o canto máis tradicional se fusiona con diferentes estilos, incorporando sons electrónicos e abríndose a novas estéticas e técnicas da man de destacadas figuras artísticas.

Este cuarto Serán, ao igual que na súa primeira edición en 2028, volve poñer o foco na nosa música e baile tradicional, unha das mostras máis relevantes da nosa identidade como pobo. Para contribuír á súa protección e salvagarda como manifestacións artísticas e culturais propias, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a traballar para conseguir a declaración do baile e música tradicional como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial este mesmo ano 2025 —tras incoarse o expediente de tramitación o pasado mes de novembro de 2024—.

Dirección artística: Quique Peón

 A dirección artística do Serán corre a cargo –desde a súa primeira edición– do coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Quique Peón. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica cun extenso traballo de campo con centos de bailes, danzas, melodías e traxes que recuperou e cos que conseguiu importantes premios a nivel nacional e internacional. Mestre de mestres, dirixe desde 1982 o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina. Na actualidade, dirixe tamén o grupo Alxibeira e compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no ámbito tradicional coas súas inquietudes interpretativas e as novas experiencias creativas dentro da compañía profesional "Quique Peón Cía."

 
Música & Escena