O mércores 20 de xuño o Centro de Emprendemento do Gaiás acolle a presentación da cuarta edición da Maker Faire Galicia, un encontro que terá lugar no Museo Centro Gaiás do 23 ao 25 de novembro. A celebración deste evento ten lugar no marco do acordo entre a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Santiago de Compostela para a promoción do Gaiás como un espazo de innovación e creación empresarial no ámbito das industrias creativas.
No acto de presentación participarán a responsable do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, Berta Álvarez-Buylla, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, e a co-organizadora da Maker Faire Galicia, Matilde Rodríguez.
A Maker Faire volverá ao Museo Centro Gaiás este outono na que xa é a súa cuarta edición, consolidándose como a máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París. Nas súas tres edicións anteriores, o encontro congregou arredor de 30.000 asistentes e medio milleiro de makers que expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.
























