Acto de presentación do programa Principia aos beneficiarios da convocatoria co obxectivo de darlles a coñecer os principais requisitos, características e novidades da III edición da convocatoria, así como resolver dúbidas sobre a mesma e propiciar un espazo de networking para o contacto entre entidades interesadas en contratar e posibles perfís candidatos.
Ás 10.30 horas, o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participará no encontro. Intervención aberta aos medios.
O Programa Principia, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria consta de axudas, por unha cuantía de 10.000 euros, destinadas á contratación de persoal, por un período mínimo dun ano, para realizar actividades de I+D+i. As axudas procuran favorecer a carreira profesional de persoal cualificado, así como estimular a demanda no sector público e privado destes perfís profesionais.
As axudas deste programa poderán ser solicitadas, ata un máximo de 10 contratos por entidade, por empresas e organismos de investigación (Universidades, fundacións, centros tecnolóxicos públicos ou privados…).
























