Presentación da Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistirá á presentación da Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade. Na sala 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Esta guía de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria reúne obras para nenos e nenas de entre 0 a 18 anos que promoven un tratamento igualitario entre homes e mulleres a través das súas historias. A guía foi elaborada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) por encargo da Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a través do seu Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, que ten por obxectivo traballar na formación e na información do profesorado, e das nais e pais, cara á súa decidida implicación na consecución dunha escola coeducativa e igualitaria, na que desaparezan prexuízos de carácter sexista e que permita o desenvolvemento libre e integral das persoas.

Esta Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non Discriminatoria, tenta destacar obras en que as nenas cumpren un papel protagonista activo e senlleiro; sinalar narracións en que tanto as cativas como os cativos se ven liberados dos roles de xénero máis esterotípicos; reflectir textos en que o maltrato e a violencia, en calquera das súas formas, son claramente condenadas ou nos que se establece unha reflexión profunda a partir delas; valorizar os saberes tradicionalmente considerados femininos; impulsar os valores de igualdade, paz e tolerancia a través da literatura; e achegar outras culturas para que se coñeza a situación de nenas e mulleres en ámbitos diferentes ao europeo.