Por décimo ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e as artes vivas de creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas no que colabora a Fundación Cidade da Cultura a través das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).
A convocatoria diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Seleccionaranse ata 10 propostas en residencia, 2 máis que na súa pasada edición, cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As solicitudes poden presentarse ata o domingo 8 de marzo (incluído) a través do formulario dispoñible na web do Colectivo RPM. Ademais, o martes 3 de marzo, ás 12.00h, realizarase unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria. As persoas interesadas poden sumarse desde esta ligazón: https://meet.google.com/hfy-zboq-dxr
Residencias entre maio e outubro
Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM e anunciará no mes de abril os proxectos seleccionados. A comisión terá en conta a integridade artística da proposta, o seu grao de madurez e solidez, a relación co territorio e as prácticas de programación expandida que poidan acompañar a estancia durante a residencia.
As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña. Ademais, as e os artistas residentes participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Estas residencias contan co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

