Este verán propoñémosvos tres andainas polos exteriores da Cidade da Cultura dentro do programa Gaiás en verde, unha liña de acción que combina arte e creatividade co obxectivo de promover unha conciencia medioambiental sólida.
Nesta actividade, a cativada e as familias poderán descubrir e conectar cos espazos naturais do Gaiás desde tres perspectivas diferentes: un percorrido sensorial pola primavera co olfacto como guía, unha paseo para descubrir as historias do monte Gaiás e o seu valor paisaxístico e patrimonial, e unha andaina feiticeira para recoller as herbas que forman parte das tradicións máxicas e simbólicas do San Xoán galego.
Primavera sensorial
- Domingo 7 de xuño ás 12:00 horas
- Para todos os públicos
- De balde con reserva de praza na columna da dereita
O olfacto é ese sentido que a ditadura do audiovisual relegou aos postos máis baixos da xerarquía sensorial, xa que é invisíbel e silencioso. Porén, tamén é capaz de transmitir emocións coma ningún outro. De feito, ao noso cerebro encántanlle os cheiros e recendos que tanta información lle achegan. Un olor é capaz de espertar recordos esquecidos ou de abrirnos o apetito, moitas veces sen que nos demos de conta. Na natureza, ademais, os olores son omunicación: marcan o paso e o territorio, advirten do perigo e serven tamén para atraer e cativar.
En Primavera sensorial propoñemos un paseo polo Bosque de Galicia e os xardíns do Gaiás no que será o noso olfacto quen nos guíe para apreciar e aprender a distinguir polo cheiro especies silvestre e cultivadas como o fiúncho, a lavanda, o tomiño ou o caramelo xaponés, entre outras moitas.
Gaiás, paisaxe cultural
- Domingo 21 de xuño ás 12:00 horas
- Para todos os públicos
- De balde con reserva de praza a partir do 15 de xuño
Nesta andaina exploraremos o valor cultural, simbólico e paisaxístico do monte Gaiás e os seus vencellos co Camiño de Santiago. O percorrido permitiranos contemplar unha vista diferente da cidade de Santiago e da súa Catedral desde o cumio do Gaiás e, camiñando polo Bosque de Galicia, levaranos ata a Vía da Prata, ou Calzada Real, que no seu último tramo de entrada en Compostela bordea a aba suroeste do monte.
Gaiás, paisaxe cultural propón unha aproximación ao territorio como espazo de memoria, identidade e relación entre natureza e cultura, descubrindo como a paisaxe tamén constrúe relato e patrimonio. Ao longo do percorrido, as persoas participantes poderán achegarse ás historias, referencias culturais e elementos que dialogan coa contorna natural do Gaiás, nun paseo pensado para mirar e interpretar a paisaxe desde unha perspectiva cultural e contemporánea.
Andaina feiticeira
- Martes 23 de xuño ás 18:00 horas
- Para todos os públicos
- De balde con reserva de praza a partir do 15 de xuño
No corazón verde do Monte Gaiás agroman as sete herbas de San Xoán e moitas outras compañeiras silvestres. Neste espazo único, onde natureza e cultura se dan a man, propoñémosvos un percorrido sensorial e simbólico para redescubrir esta tradición fondamente enraizada en Galicia. Vinde camiñar o monte connosco para identificar as herbas, coñecer o seu uso, o seu significado e a súa forza ancestral, nun diálogo co territorio e co tempo.
A Andaina feiticeira servirá para prepararvos para a noite de San Xoán, unha das máis máxicas do ano, que marca o tránsito cara ao verán cando o día máis longo se funde coa noite máis feiticeira. Non quededes sen as vosas herbas de San Xoán e aprendede a recoñecer este feixe de plantas que, recollidas ao solpor e deixadas a macerar nun recipiente con auga ao relento, servirán para lavar a cara e o corpo no amencer de San Xoán, nun xesto de renovación e protección fronte aos males, o meigallo ou a envexa: un acto sinxelo e poderoso, herdanza viva do noso pobo.





