Nadal no Gaiás 2022

Este Nadal o Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás convértese nun Bosque de Papel branco como a neve habitado por raposos, coellos, paxaros e flores de origami. Un espazo máxico ao que se chega seguindo o camiño de luces que percorre todo o complexo e que preside a grande Árbore de Nadal do Gaiás.

No interior deste bosque poderedes fabricar enfeites que engalanarán tanto a árbore do Museo como as vosas casas en diversos obradoiros de origami ao longo do mes de decembro. Tamén haberá un Mural do desexos onde poderes colgar dentro dun corazón de papel os vosos mellores desexos para estas festas e para o próximo ano. O deseño e dirección artística deste espazo no Hall de Tirantes do Museo é obra do estudo creativo Anaquiños de Papel.

Ademais, haberá un programa especial de visitas en familia ás exposicións e para coñecer a arquitectura da Cidade da Cultura, o tradicional concurso de postais deseñadas polas pequenas e pequenos da casa, un concerto cos trasnos do Nadal e un espectáculo familiar de teatro. Ata teremos unha edición especial do Galiverso por estas festas. Ide reservando as datas!

O BOSQUE DE PAPEL 
Museo Centro Gaiás | Andar 0
Deseño e dirección artística: Anaquiños de Papel
APERTURA E ACENDIDO DA ÁRBORE: 16 de decembro
Do 16 de decembro 2021 ao 6 de xaneiro 2022
Entrada de balde | De 10 a 20h*
*24 e 31 Dec, aberto de 10 a 15h. | 25 Dec e 1 Xan, pechado

Este ano a decoración de Nadal escapa do contexto nórdico e está ambientada máis en Galicia e nas nosas paisaxes, que se recrearán con figuras de papel e cartón en forma de árbores e animais como coellos ou raposos, formando un bosque. Ademais os adobíos da Árbore de Nadal no Hall de Tirantes tamén estarán feitos coa técnica do origami con estrelas, bolas... Todas as figuras e materiais empregados nesta instalación serán reempregadas ou recicladas noutras actividades, fomentando o compromiso coa sostibilidade e o medio ambiente.

FACTORÍA DE ADORNOS
Museo Centro Gaiás | Andar 0
Do 16 ao 30 de decembro
[agás 19, 20, 21, 24 e 25 Dec]
Acceso libre | De 17 a 19h
Nenas/os a partir de 6 anos de idade, acompañados dunha persoa adulta

Unha fábrica de adornos de Nadal co papel como materia prima e o origami como técnica. Para elaborar en familia pequenos enfeites como barquiños, estrelas, bólas, que poderedes deixar na Árbore de Nadal do Gaiás ou levar para as vosas casas.

OBRADOIRO DE ADORNOS DE NADAL
Museo Centro Gaiás | Andar 0
Sábado 17 de decembro
De balde previa inscrición | De 11 a 13h
A partir de 14 anos

Para os máis maiores, temos un obradoiro avanzado de origami no que con paciencia, moito tino e seguindo as indicacións de Anaquiños de Papel aprenderedes a construír figuras máis complexas tanto planas como tridimensionais para vestir o Nadal. Atrévete a afondar nesta técnica xaponesa coa que se conseguen formas incribles desde unha simple folla de papel.

EN CONCERTO COS TRASNOS DO NADAL
Biblioteca de Galicia | Auditorio Neira Vilas
Sábado 17 de decembro
De balde previa inscrición | De 18 a 19h
Público familiar

Concerto didáctico de Nadal con cinco instrumentos: gaita, acordeón, percusión, ukelele e voz. A escenografía recrea unha Galicia imaxinaria na que se presenta a vida dos trasnos galegos ao longo de todo o ano ata chegar o Nadal, cando teñen que axudar ao Apalpador e ás criaturas míticas de esta época no reparto dos agasallos. O espectáculo fai un percorrido polas panxoliñas e cantos de Reis tradicionais destas festas.

AS FORMAS DO NADAL. CONCURSO INFANTIL DE POSTAIS
Para cativada de 0 a 12 anos 
Prazo de recepción de postais: ata o 22 de decembro 
Preme AQUÍ para máis información!

Que forma ten para ti o Nadal? Este ano propoñémosvos xogar en familia coa xeometría para construír un debuxo inspirado nestas festas. Recorta, pega e colorea sen límites. Tedes ata o 22 de decembro para facernos chegar as vosas postais e lembrade que as máis orixinais terán premio!

VISITAS ESPECIAIS EN FAMILIA 
Museo Centro Gaiás
Do 27 de decembro 2022 ao 8 de xaneiro 2023

De balde previa inscrición
Info e reservas: Visita familiar a «De lugares e cousas» || Xincana arquitectónica en familia

Convidámosvos a coñecer a arquitectura da Cidade da Cultura e a exposición De lugares e cousas a través dun programa especial de visitas familiares nos meses de decembro e xaneiro que vos permitirán achegarvos á creación artística e arquitectónica dun xeito diferente e divertido.

TEATRO «ÁS PARA ÁLEX»
Museo Centro Gaiás | Andar -1
29 de decembro ás 18.00 horas
Entradas: 5€, á venda proximamente en Ataquilla.com
A partir de 5 anos de idade

A compañía Baobab Teatro trae ao Museo a súa peza Ás para Álex, un espectáculo de marionetas para reconciliarse coa vida incluso cando esta nos obriga a mudar as nosas paixóns, como lle pasa a Álex, que se ve obrigado a deixar o fútbol porque non pode camiñar.

GALIVERSO DE NADAL
Museo Centro Gaiás
Do 2 ao 15 de xaneiro 2023
Aceso libre | A partir de 6 anos de idade*
*A cativada de 6 a 11 anos accederá a unha experiencia de realidade virtual única, adaptada e segura. 

O Galiverso trasládase ao andar -1 do Museo Centro Gaiás para traernos novas experiencias de realidade virtual vinculadas ao inverno e ás celebracións propias destas festas.