Álex é un neno como calquera neno de 8 anos ao que lle encanta correr, xogar, saír cos amigos, ir ao parque... e ten ademais unha paixón: o fútbol. Pero un día ten que deixalo todo porque o seu corpo non responde, non camiña. E como calquera neno, Álex enfádase. Enfádase coa súa mamá, coa súa irmá, co seu can, ata co fútbol. Álex enfádase co mundo e repítese sen para a pregunta por que eu? por que? por que? Está tan anoxado que deixa de mirar ao seu ao redor, ata que un día aparece Laura no seu camiño, e sen pedir permiso pero con moito coidado e agarimo entra de cheo na súa vida para cambiar a súa mirada.
Ás para Álex é unha obra de teatro de marionetas que trata un tema moi necesario: a esperanza e o xogo para superar as dificultades, e neste caso, para superar e soportar unha enfermidade. Con esta obra comprometida, divertida e chea de verdade, tenrura, tensión e moita graza, Baobab Teatro convídanos a rir e emocionarnos en familia o día 29 e decembro ás 18 horas no Museo Centro Gaiás. As entradas poden adquirirse en Ataquilla desde 5 euros máis gastos de xestión.
Baobab Teatro nace en 2010 da man de Andrea Bayer e Óscar Ferreira, dous mozos pero xa moi experimentados artistas e creadores escénicos. A día de hoxe é recoñecida como unha das principais compañías de teatro para a infancia de Galicia, conseguindo ao longo da súa traxectoria recoñecementos como o Premio Barriga Verde polo espectáculo O lobo e a lúa, o Premio ao mellor espectáculo Infantil na X Feria de Ciudad Rodrigo por LUPPO, así como varias nominacións aos Premios María Casares. Ademais, ten sido seleccionada para numerosos festivais e feiras de teatro tanto galegos como do resto de España.
