As miradas de Isaac

Coincidindo co centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo (22 e agosto de 1920-5 de xaneiro de 2012), concibiuse unha exposición no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura que --do 6 de novembro de 2020 ao 4 de abril de 2021-- se achegara á súa desbordante personalidade e ao seu amplo e polifacético labor, sempre desde unha visión integradora e unha firme defensa dos valores máis auténticos de Galicia, aos que se entregou sen descanso ao longo da súa fértil existencia.

Estamos ante unha exposición que pretende lembrar a un personaxe irrepetible que abordou múltiples disciplinas, tanto as relativas ao mundo da arte, como ás do intelecto, ás técnicas ou ás industriais e sacou adiante importantes iniciativas que acadaron un salientable papel no conxunto da cultura galega do século XX.

Unha mostra que procura, ademais, expresar a excelencia humana de Díaz Pardo, posiblemente un dos personaxe máis homenaxeados, admirados e queridos da historia recente de Galicia.

Para aproximármonos ao seu singular universo, a mostra está composta por obras de arte, obxectos personais, fotografías, textos, murais, cerámicas, documentos e proxeccións distribuídos e repartidos ao longo de dez seccións.

A través delas analizaranse e divulgaranse ao home e a súa obra: a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá; a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Seminario de Sargadelos ou o Instituto de Galego de Información; o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

ESPAZO AUDIOVISUAL
A exposición contará cun espazo central vertebrador das súas diferentes seccións, para o que está previsto un audiovisual realizado por Cecilia Díaz –fotógrafa especializada en retrato, moda, editorial e produto e xornalista cultural– e Jordi Cussó –realizador con traballos nos campos da curtametraxe, a publicidade e os videoclips musicais– e no que, a través de fragmentos de entrevistas de arquivo, se vai debullando a vida e pensamento de Isaac Díaz Pardo.
 

Para a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu pasamento en xaneiro de 2012 contarase como comisarios con dous dos seus fillos Xosé  e Camilo Díaz Arias de Castro.

 

 
 

 
 
O catálogo da mostra contará, ademais dos textos dos comisarios e das responsables das seccións, coas colaboracións de:
  • Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Doutor en Farmacia pola USC e catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola.
  •  Xosé Ramón Fandiño. Escritor e editor. Traballou no Instituto Galego de Información do Grupo Sargadelos. Foi coordinador da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. 
  • Charo Portela. Licenciada en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi subdirectora de Ediciós do Castro e coordinou as actividades culturais do Instituto Galego de Información até o ano 2008. 
  • Esperanza Mariño. Ensaísta, tradutora e investigadora especializada en lingua e literatura galega e crítica literaria. 

Deseño do catálogo: Deseño Gráfico Imago Mundi, S.L.

 
Exposicións
 
26 XUÑ - 25 OUT
De 10 a 20 horas
ATA O 30 SET
De 9 a 21 horas
22 XUL 2020 - 10 XAN 2021
De 10 a 20 horas
2 OUT 2020 - 17 XAN 2021
De martes a domingo | De 10 a 20 h