Visitas didácticas en liña | As miradas de Isaac

Neste curso atípico, o Museo Centro Gaiás proponse continuar a ser unha ferramenta educativa de primeira orde levando as súas exposicións ao corazón dos centros de ensino grazas ao emprego das novas tecnoloxías. Convértese así no primeiro museo de Galicia en ofrecer a docentes e estudantado visitas didácticas en liña nas que, a través de videoconferencia, poderán coñecer contidos culturais de gran potencial didáctico e tirar o máximo proveito dos recursos que o Gaiás facilita á comunidade educativa.

Tras a boa acollida das visitas didácticas de Galicia, de Nós a nós, desta volta achegamos ás escolas As miradas de Isaac que repasa a vida, fitos e proxectos de Díaz Pardo.

Esta exposición homenaxe polo centenario do seu nacemento (1920-2020) incorpórase a este programa en liña co que se oferta así unha alternativa ás visitas escolares que o complexo e exposicións da Cidade da Cultura viñan acollendo cada ano ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear o avance da pandemia da covid-19 impiden que se desenvolva do xeito habitual. Desta forma, a exposición As miradas de Isaac chega aos centros escolares, sen necesidade de que o seu alumnado saia da aula.

Estas videoconferencias permiten o coñecemento polo miúdo das distintas pezas e relatos que se abordan sobre este referente da cultura galega do século XX de grande interese para os centros de ensino, así como a interacción directa de estudantes e docentes co persoal de guías do Museo.

Os rapaces e rapazas van afondar nesta visita virtual guiada nun personaxe irrepetible, quen abordou múltiples disciplinas, tanto as relativas ao mundo da arte, como ás do intelecto, ás técnicas ou ás industriais e sacou adiante importantes iniciativas que acadaron un salientable papel no conxunto da cultura galega do século XX. Nestas visitas en liña van coñecer o seu polifacético universo (ceramista, pintor, deseñador, escritor, editor, empresario...) nun percorrido entre obras de arte, obxectos diversos, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións distribuídos en dez seccións.

AS MIRADAS DE ISAAC | DO 20 XANEIRO AO 26 DE MARZO DE 2021

Propomos dúas modalidades de visita inspiradas en modelos dos medios audiovisuais como Twich ou Youtube:

  • Para os cursos da ESO e Bacharelato, o noso equipo didactico achegará a mostra ao alumnado intervindo en directo e completando o relato con materias audiovisuais e sonoros.
  • Para o alumnado do último ciclo de primaria deseñamos unha aventura interactiva con cada aula, propondo un xogo de pistas nas que sexan os propios escolares os que escollan o percorrido da visita e reunan a información necesaria para completar o quebracabezas da mirada de Isaac.

Deste xeito queremos aportar o noso gran de area no que parece ser o derradeiro treito desta pandemia. Agardamos volvervos ver axiña presencialmente nas salas do museo, porén ao mesmo tempo queremos facer partícipe a toda a comunidade educatica dos avances nas vantaxas que ofrece a tecnoloxía actual.

MODALIDADES

Modalidade 1
● Visitas dirixidas a: alumnado da ESO e Bacharelato
● Duración aproximada: 45 minutos
● Todos os martes, mércores, xoves e venres (salvo festivos)

Modalidade 2
● Visitas dirixidas a: alumnado de último ciclo de Educación primaria.
● Duración aproximada: 45 minutos
● Todos os martes, mércores, xoves e venres (salvo festivos)

 
Visitar
 
8 Set 2022 - 21 Xuñ 2023
10.00 h | 12.00 h | 12.30 h | 13.00 h | 16.00 h
21 Out 2022 - 17 Abr 2023
11 Nov 2022 - 9 Abr 2023
Inverno 2023
Sábados, domingos e festivos | 11.30 e 13.00 h