Imaxinando un libro anfibio | Residencia Incipit de creación etnográfica e multimodal | REGA 2026

A cuarta edición da Residencia Incipit de creación etnográfica e multimodal, realizada en colaboración entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio e a Cidade da Cultura, céntrase este ano nas derivas narrativas na conca Amazónica. Co título Imaxinando un libro anfibio, a residencia reúne a Ainhoa Montoya, investigadora principal do proxecto HydroCommons, con Ariel Arango e Laura Langa, da produtora audiovisual e editorial Entrelazando (Colombia).

Do 22 ao 26 de xuño estarán a compartir espazo na Cidade da Cultura e reflexionar sobre as experiencias previas de traballo do proxecto na conca do río Amazonas —especificamente na tripla fronteira Colombia-Perú-Brasil e no río Putumayo, un dos seus principais afluentes. A partir deste encontro, elaborarán conxuntamente unha serie de materiais multimedia que documentan a etnografía, a investigación e os procesos de creación artística desenvolvidos nese contexto, e que conformarán un futuro libro expositivo.

O xoves 25 de xuño ás 12:00 horas no espazo REGA 4 do Museo Centro Gaiás haberá un encontro aberto no que o equipo en residencia compartirá as súas achegas co público. A asistencia é libre ata completar a capacidade do espazo.

Imaxinando un libro anfibio concíbese como un laboratorio creativo de colaboración experimental e interdisciplinar para repensar as formas estéticas e multimodais de construción de coñecemento, así como as posibilidades materiais da produción editorial para facer circular socialmente os resultados da investigación. Esta residencia é unha colaboración entre XEITO · Laboratorio de Creación Etnográfica do Incipit-CSIC e o proxecto HydroCommons do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de residencias artísticas da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Equipo multidiciplinar

Ainhoa Montoya é investigadora Ramón y Cajal no CSIC (CCHS) con ampla traxectoria en Cambridge, Manchester e a University of London. A súa investigación explora as prácticas cidadás de coidado ambiental en concas hidrográficas concibidas como comúns, así como os conflitos socioambientais e a vida política en contextos de violencia e democracia. É investigadora principal do proxecto HydroCommons.

Laura Langa é escritora e investigadora, doutora en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidad Autónoma de Madrid e codirectora de Entrelazando. O seu traballo centrouse nos procesos de xustiza transicional, a violencia e a memoria. Traballou como docente e consultora para diversas organizacións, entre elas a Comisión Nacional de Territorios Indígenas (CNTI) no seu último informe sobre violencia sociopolítica contra o pobo Nasa no norte do Cauca.

Ariel Arango é fotógrafo e documentalista independente, fundador e codirector de Entrelazando. O seu traballo aborda a identidade cultural con comunidades afro e indíxenas, as expresións artísticas e urbanas, e o conflito e a memoria, principalmente en Latinoamérica. A súa obra visual circulou en espazos nacionais e internacionais e recibiu distintos recoñecementos.

Laura Langa e Ariel Arango dirixen Entrelazando, produtora audiovisual e editorial que combina investigación e creación artística para intervir nos debates epistemolóxicos, metodolóxicos e políticos sobre a produción de coñecemento.

 
 
4 Feb — 30 Ago 2026
10.00 — 20.00 h
26 Feb — 6 Set 2026
10.00 — 20.00 h
22 - 26 xuñ [Agás 24 xuñ] | 29 - 3 xull
De 10.00 a 15.00 h (+servizo madruga desde as 8.00h)
4 Xuñ — 29 Nov 2026
De martes a domingo | De 10 a 20 h
2 Xul - 14 Ago 2026
21 horas
7, 14 e 21 de xullo 2026
Ás 18:30h
8 xull 2026
Ás 20:00h
1 — 4 Set 2026
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 21 MAI
Set - Nov 2026
Convocatoria pechada