O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistirá á Gala Xuventude Crea 2024. O evento reunirá na Cidade da Cultura ás gañadoras e gañadores da última edición deste certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación.
Neste 2024 Xuventude Crea introduciu importantes novidades, coincidindo co 15 aniversario do programa. Entre elas, a súa apertura á participación de persoas descendentes de persoas emigrantes galegas ou persoas galegas que teñan residencia habitual no estranxeiro.
Ademais, incorporáronse dúas novas especialidades, DJ e creación de contido, ás xa existentes, ata un total de 16 categorías que abranguen as artes plásticas, arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de contido, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.
Xunto coa dotación económica dos premios, a convocatoria prevé axudas económicas para as persoas participantes que accedan á fase final de determinadas especialidades, e as obras finalistas e premiadas terán a vantaxe de ser obxecto de difusión e promoción de forma que se fará visible o talento e a creatividade das súas autoras.
Podes consultar o listado de premiados nesta edición aquí.
























