Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID19

Queres enviar as túas preguntas aos relatores? Emprega o chat en directo que atoparás na parte dereita/inferior da pantalla, premendo na emisión en youtube.

A través dunha serie de encontros online con especialistas de distintos campos das industrias culturais e creativas, os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector na era post COVID-19. A actividade inclúe diferentes webinarios, que poden seguirse de balde en liña, sobre temas como os desafíos que se abren ante os sectores da música, das artes escénicas ou do libro no contexto actual marcado pola crise sanitaria, pero tamén cuestións como novos formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais ou o novo perfil de consumidor de eventos culturais.

29 MAIO | 18 H | Os retos do sector musical na era post COVID-19 

Na terceira sesión dos Foros #aculturasegue abordaremos os desafíos aos que se enfronta o sector da música, e concretamente o ámbito da clásica, no contexto actual, marcado pola progresiva reapertura de espazos de lecer, as limitacións que afectan aos espectáculos en directo, ou o auxe de novos formatos. Para tratar estas cuestións, contaremos coa participación do ensaísta e crítico musical Juan Ángel Vela del Campo, e da directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte, nunha conversa conducida pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón.

JUAN ÁNGEL VELA DEL CAMPO | ENSAÍSTA E CRÍTICO MUSICAL

Juan Angel Vela del Campo (Bilbao, 1947) é ensaísta e divulgador cultural en prensa, radio e televisión con máis de tres décadas de traxectoria profesional. Crítico musical de El País entre 1987 e 2015, e colaborador do programa La Ventana da Cadena SER. Foi fundador e director executivo do proxecto Ópera digital do Gran Teatro del Liceo de Barcelona, con transmisións en directo a 49 universidades de España, Portugal, Francia e México; dirixe tamén o programa Tutto Verdi da Asociación Bilbaína de Amigos de la Ópera e é director artístico desde 2015 do  Festival Terras sen sombra, no Alentejo portugués. Director e coordinador editorial da Historia de la Música en España e Hispanoamérica, en oito tomos, do FCE (Fondo de Cultura Económica). Premio da Crítica do Fondo de Cultura de Salzburgo en 2000, dirixe con asiduidade cursos en universidades españolas, ademais de impartir conferencias en diferentes institucións dentro e fóra de España.

 

 SABELA GARCÍA FONTE | DIRECTORA TÉCNICA DA REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

Sabela García Fonte (Cabanas, 1979) é directora técnica da Real Filharmonía de Galicia desde 2017. Licenciada en Historia da Arte (especialidade en Historia da Música) pola USC e en Música Antiga (especialidade Violín Barroco) pola Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto, conta cunha longa experiencia  como intérprete e un máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya. A súa carreira en xestión musical levouna a traballar na Orquesta Barroca de Sevilla e como coordinadora na Asociación Española de Festivais de Música Clásica-FestClásica. Como violinista, integrou agrupacións como o ensemble Gli Incogniti, a Orquestra Barroca da Casa da Música (Oporto), a Orquestra Barroca Divino Sospiro (Lisboa), ou a Orquestra Barroca de Sevilla. Tamén traballou no campo da música de cámara e a música medieval con grupos de Gran Bretaña, Portugal, España e Galicia, entre eles a Capela Compostelá.

 

  

Foros #aculturasegue

A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración do Xacobeo 2021. Enmárcase no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego e pode seguirse de balde por videoconferencia. O ciclo programa un total de oito sesións de reflexión e debate centradas nos seguintes temas e celebradas semanalmente: