Foros #aculturasegue II: Retos das artes escénicas na era post COVID-19

Na segunda sesión dos Foros #aculturasegue abordamos os desafíos aos que se enfronta o sector das artes escénicas no contexto actual, marcado pola progresiva reapertura de espazos de lecer, as limitacións que afectan aos espectáculos en directo, ou o auxe de novos formatos. Para tratar estas cuestións, contamos coa participación do director artístico da compañía La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, e da directora de escena e directora artística da compañía Voadora, Marta Pazos, nunha conversa conducida pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón.

CARLUS PADRISSA | DIRECTOR ARTÍSTICO DE LA FURA DELS BAUS 

Carlus Padrissa (Balsareny, 13 de abril de 1959) é un dos directores artísticos de La Fura dels Baus, que forxou obras como Accions (1984), Suz/O/Suz (1985), Tier Mon (1988) ou Noun (1990), que consolidaron o traballo da compañía. Impulsor da participación do grupo na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992, conta cun amplo abano de aclamadas postas en escena de óperas na súa traxectoria. Capitanea ademais un dos proxectos máis ambiciosos da Fura: converter o barco Naumon nun escenario flotante de 60 metros de longo e 1.100 toneladas.

 

MARTA PAZOS | DIRECTORA DE ESCENA E DIRECTORA ARTÍSTICA DE VOADORA 

Marta Pazos (Pontevedra, 3 de mayo 1976) é directora de escena, escenógrafa e intérprete. Directora artística e dramaturga da compañía Voadora. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, dirixiu ópera e teatro para centros de produción como o Teatro Real, Teatro Lliure, Teatro Español, Centro Dramático Galego e actualmente para o Centro Dramático Nacional. A súa persoal linguaxe e a ollada plástica aplicada á escena convértena nunha das directoras máis relevantes da sua xeración. En 2019 estrea as óperas A amnesia de Clío de Fernando Buide e Je Suis Narcissite de Raquel García Tomás, nominada aos International Opera Awards como mellor estrena mundial do pasado ano.

 

  

Foros #aculturasegue

Os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector cultural na era post COVID-19. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración do Xacobeo 2021. Enmárcase no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego, e pode seguirse de balde por videoconferencia. O ciclo desenvolve un total de oito webinarios arredor de diferentes temáticas, celebrados semanalmente coa participación de figuras de consolidada traxectoria no sector das industrias culturais.

 
Letras & Pensamento