Na cuarta sesión dos Foros #aculturasegue abordamos os desafíos aos que se enfronta o sector editorial no contexto actual, marcado polo impacto económico da crise sanitaria en editoriais e librarías, os aprazamentos en feiras ou presentacións de novidades editoriais, ou os novos desafíos do libro dixital. Para tratar estas cuestións, contamos coa participación de Santiago Fernández de Caleya, director da editorial Turner, e de Anxa Correa, responsable de edición en Rinoceronte Editora nunha conversa conducida polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo.
SANTIAGO FERNÁNDEZ DE CALEYA | DIRECTOR DA EDITORIAL TURNER
| Santiago Fernández de Caleya (Málaga, 1965) naceu en España, creceu en Venezuela e estudou en Inglaterra. Comeza a súa carreira profesional na banca de inversión. Tras participar na fundación da produtora de cine independente Morena Films en 1998, dá o salto ao mundo editorial incorporándose a Turner como director xeral en 2006. Na actualidade reparte o seu tempo e dedicación entre México e Madrid. Con máis de 40 anos e máis de 3.000 títulos publicados, Turner está especializada en libros de arte e ilustrados, así como en coleccións de ensaio e non ficción. Tamén ofrece servizos editoriais de gran calidade a institucións culturais e corporativas tales como museos e empresas en España, México, Estados Unidos e Gran Bretaña, entre outros países. | ![]() |
ANXA CORREA | RESPONSABLE DE EDICIÓN EN RINOCERONTE EDITORA
| Anxa Correa (Vigo, 1983) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Encargouse da sección de Cultura da Axencia Galega de Noticias entre os anos 2006 e 2008. No ano 2009 marchou de Galicia para participar durante un ano no Servizo de Voluntariado Europeo en Polonia, nun proxecto con menores en risco de exclusión social. Á volta recuncou nos medios de comunicación, concretamente no Diario de Pontevedra, onde traballou como infografista e redactora local ata o ano 2012. A experiencia en medios, a aprendizaxe de varios idiomas e a formación gráfica ao longo deses anos, así como a súa afección á lectura e compromiso coa lingua, serviron de grande axuda para o seu traballo nos últimos oito anos en Rinoceronte Editora, a primeira editora especializada en tradución ao galego. | ![]() |
Foros #aculturasegue
Os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector cultural na era post COVID-19. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración do Xacobeo 2021. Enmárcase no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego, e pode seguirse de balde por videoconferencia. O ciclo desenvolve un total de oito webinarios arredor de diferentes temáticas, celebrados semanalmente coa participación de figuras de consolidada traxectoria no sector das industrias culturais.


