Foros #aculturasegue V: Retos do sector audiovisual na era poscovid-19

Na quinta sesión dos Foros #aculturasegue abordamos os desafíos aos que se enfronta o sector audiovisual no contexto actual, marcado polo impacto económico da crise sanitaria nas salas de cine, os aprazamentos en rodaxes ou presentacións, e os novos formatos e plataformas de distribución. Para tratar estas cuestións, contaremos coa participación da directora de cine e guionista Carla Simón e do director xeral da produtora Portocabo, Alfonso Blanco, nunha conversa conducida polo director da Axencia Galega das Instustrias Culturais - Agadic, Jacobo Sutil.

CARLA SIMÓN | DIRECTORA DE CINE E GUIONISTA

Carla Simón nace en 1986 nunha pequena vila catalá e unha familia extensa que é un pozo sen fondo de historias, relacións e sentimentos. Mirar e escoitar todas estas historias empúrraa a facer películas que amosen a complexidade da condición humana e das relacións familiares. Graduada en Comunicación Audiovisual pola UAB, estuda tamén na Universidade de California e a London Film School, onde escribe e dirixe o documental Born positive e a ficción Lipstick. Las pequeñas cosas. Estiu 1993 é o seu debut cinematográfico, no que conta a historia dunha nena de seis anos que vén de perder a súa nai e se muda ao campo coa súa nova familia. Estreada na Berlinale 2017, onde gañou o premio á Mellor Película, foi seleccionada para representar a España nos Oscar e recolleu máis 30 galardóns en todo o mundo, entre eles tres Goya. Carla Simón foi tamén recoñecida co premio ao talento emerxente Woman in Motion en Cannes 2018 e traballa agora na súa segunda longametraxe, Alcarràs, mentres ensina cine a nenos a través do Cinema en Curs e imparte clases na ESCAC.

 

 ALFONSO BLANCO | DIRECTOR XERAL DE PORTOCABO

Alfonso Blanco conta con máis de 300 horas de prime time producidas para televisión en series como Mareas Vivas, Terra de Miranda, As leis de Celavella, Padre Casares ou Matalobos, longametraxes de televisión como La Rosa de Alejandría ou Os fillos do sol e cine como El menor de los males, De Bares e Catalina. En 2010, funda Portocabo, onde ocupa o posto de CEO. En pocos anos posiciona a compañía como un referente nos principais mercados de coprodución Europeos, establecendo unha rede de alianzas para producir ficción para o mercado global. Nos dez anos de traxectoria de Portocabo converteuse nun dos produtores executivos máis relevantes do país, producindo ficción para  MOVISTAR +, ARTE France,  RAI, RTP, Disney, TV3, TVG, etc e con series como: a multipremiada Hierro, Auga seca, Miracle Tunes, ou o drama romántico Vidago Palace. É o primeiro galego en formar parte da International Academy of Television Arts & Sciences -a Academia dos Premios Emmy- e docente dende o 2004 no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade a Coruña.

 

  

Foros #aculturasegue

Os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector cultural na era poscovid-19. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración do Xacobeo 2021. Enmárcase no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19, promovido polo Goberno galego, e pode seguirse de balde por videoconferencia. O ciclo desenvolve un total de oito webinarios arredor de diferentes temáticas, celebrados semanalmente coa participación de figuras de consolidada traxectoria no sector das industrias culturais.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
1 - 13 Xul 2024
Convocatoria pechada