A través dunha serie de encontros online con especialistas de distintos campos das industrias culturais e creativas, os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector na era poscovid-19. A actividade inclúe diferentes webinarios, que poden seguirse de balde en liña, sobre temas como os desafíos que se abren ante os sectores da música, das artes escénicas ou do libro no contexto actual marcado pola crise sanitaria, pero tamén cuestións como novos formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais ou o novo perfil de consumidor de eventos culturais.
A actividade consta de cinco foros virtuais coa participación de destacados profesionais nos seus campos:
- Retos nos contidos dixitais da cultura, coa responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e do comisario de exposicións e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago Mariño,.
- Retos do sector das artes escénicas na era poscovid, cos directores artísticos de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, e Voadora, Marta Pazos.
- Retos do sector da música na era poscovid, co ensaísta e crítico musical Juan Ángel Vela del Campo, e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte.
- Retos do sector do libro na era poscovid, co director da editorial Turner, Santiago Fernández de Caleya e a responsable de edición en Rinoceronte Editora, Anxa Correa.
- Retos do sector do audiovisual na era poscovid, coa cineasta Carla Simón e o produtor e director xeral de Portocabo, Alfonso Blanco.
Os Foros #aculturasegue diríxense a profesionais do sector cultural e a todo tipo de público interesado, organizados pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración do Xacobeo 2021. A actividade enmárcase no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19, promovido polo Goberno galego.