Sábado 24 de xullo
Na noite do sábado 24 de xullo de 2021, os Fogos do Apóstolo lánzanse desde cinco localizacións diferentes de Santiago, entre elas o monte Gaiás (ademais das Fontiñas, a Alameda, o Restollal e as Cancelas). Para que o público poida contemplar o espectáculo pirotécnico, o recinto da Cidade da Cultura prolongará o seu horario habitual e tanto os aparcamentos como os espazos exteriores estarán abertos ata as 2.00 da madrugada.
A praza central, as faldras do Bosque de Galicia ou outros puntos do complexo, como o Parque da Balea, ofrecen unha boa visibilidade do ceo de Compostela, permitindo gozar do espectáculo respectando a distancia social.
Cómpre ter en conta que os accesos peonís ao Bosque de Galicia desde a rúa Diego Bernal permanecerán pechados a partir das 16.00 horas. Poderase acceder a parte do Bosque desde o Parque da Balea, sempre respectando as zonas acoutadas de seguridade.
Sábado 31 de xullo
O sábado 31 de xullo de 2021, o Gaiás convértese na localización única para o lanzamento dos fogos. Dada a súa magnitude, a Cidade da Cultura sufrirá restricións ao tránsito peonil que comezan ás 10 horas nas áreas próximas ao lanzamento. Tamén neste caso, os accesos peonís ao Bosque de Galicia desde a rúa Diego Bernal permanecerán pechados a partir das 16.00 horas.
Dadas estas restricións, recoméndase evitar aglomeracións e optar por outros puntos altos da cidade que ofrecen igualmente unha boa visibilización do espectáculo pirotécnico, como os miradoiros das Cancelas, o Pedroso, Monte de Deus, a Almáciga, etc.
Recomendacións xerais
Lembramos a obrigatoriedade de cumprimento de todas as medidas sanitarias de prevención, e que o emprego da máscara é obrigatorio ao aire libre en casos de aglomeracións de persoas nas que non se garanta en todo momento o respecto da distancia de seguridade de 1,5 metros.
Agradecemos a responsabilidade de todas as persoas asistentes e desexámosvos moi boas festas!






















